Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xornalistas galegos de diferentes medios analizan na Galega os resultados das eleccións andaluzas

Xornalistas galegos de diferentes medios analizan na Galega os resultados das eleccións andaluzas

Bieito Rubido: "Sánchez non vai escoitar o clamor que agora en Andalucía se levanta pero que agora mesmo se repetiría en gran parte da xeografía española"

Javier Casqueiro: "Andalucía ten moitísimas peculiaridades no panorama político e social. Eu non extrapolaría resultados tan rapidamente"

G24.gal 20/06/2022 12:30 Última actualización 20/06/2022 14:37

Co gallo das eleccións andaluzas, Televisión de Galicia emitiu un programa especial pola súa segunda canle, a G2. Desde o estudio íase informando puntualmente dos resultados do escrutinio dos votos ao tempo que xornalistas de diferentes medios ían comentado os resultados. No programa, amais interviron por videoconferencia, xornalistas, de ampla traxectoria profesional e recoñecido prestixio, para facer unha análise dos resultados e a súa posible repercusión no panorama político español.

O primeiro en intervir foi Fernándo Ónega, cando os resultados xa apuntaban unha ampla vitoria do PP en Galicia, pero aínda non se coñecían os resultados definitivos. Ónega comezou dicindo que "máis alá da derrota ou vitoria dos partidos políticos, a min paréceme moi transcendente o corremento social que se produciu. A esquerda queda moi derrotada, moito máis que o PSOE, e a dereita queda moi enxalzada, moito máis aínda que o PP, a pesar de que teña maioría absoluta. Malia que Vox tivo un crecemento menor do esperado".

"Pedro Sanchez queda tocado", asegura Onega

Fernando Ónega asegura que "que lle falle precisamente na que podemos chamar a cuna do PSOE é moi gordo para o Partido Socialista. Para min hoxe empeza unha incógnita nova, que é se Sánchez cambiará o calendario electoral".

"Ata agora todos dabamos por seguro que se mantiña o calendario electoral, porque a axuda dos fondos europeos podían cambiar o panorama económico e despois correspóndelle por quenda a presidencia da comisión europea. Tiña todo a favor para manter o calendario inicial de finais de 2023, principios de 2024".

"Feijóo sae reforzado", di Ónega

"Falabáse do efecto Feijóo nas enquisas. Hoxe pódese falar tamén do efecto Moreno Bonilla, que tivo un éxito persoal importante. A Feijóo póñenselle as cousas moi de cara, moi a favor".

 "Yolanda Díaz acumula unha derrota neste intre", conclúe Ónega

"Yolanda Díaz empezou sendo pouca cousa e acaba este proceso electoral sendo pouca cousa. Certamente aínda non é o seu partido, pero é o partido que ela defendeu. Algunha derrota acumula neste intre".

Bieito Rubido director do diario dixital El Debate, considera que tras a maioría absoluta do PP en Andalucía "non vai pasar nada" de momento na política nacional, non vai haber un adianto das eleccións.

Rubido: "Sánchez non vai escoitar o clamor que agora en Andalucía"

"Non vai pasar nada. Sánchez ten unha fe no credo democrático moi escaso e non vai escoitar o clamor que agora en Andalucía se levanta pero que agora mesmo se repetiría en gran parte da xeografía española, agás Cataluña ou o País Vasco". 

Considera Rubido que Sánchez leva sen escoitar desde 2018 o clamor da sociedade española.

"Un home que se alía con golpistas de Esquerra Republicana ou cun partido que ata hai pouco militaba no terrorismo non é un home que crea no consenso de ideas que alenta os españois en xeral. Eu lémbrome de cando dirixentes do PSOE me alertaban e me dicían: 'Este é capaz de chegar a acordos con Esquerra e con Bildu', escandalizados, e despois aceptárono. Isto vaille pasar unha factura ao PSOE en toda España"

"Feijóo vai saír reforzado", asegura Bieito Rubido

Bieito Rubido salienta que Feijóo vai saír reforzado, pero que é algo que xa estaba previsto. "O PP xa viña recollendo o descontento da sociedade española cun goberno que ten unhas iniciativas que ou lle saen mal ou non se lle entenden moi ben. Hai necesidade dunha alternativa. E Feijóo deulle credibilidade a esa alternativa, a que Casado non acababa de darlle".

"Yolanda Díaz non ten unha gran ventura política por diante", conclúe Rubido

Sobre o proxecto político de Yolanda Díaz, cree Rubido que "non ten unha gran ventura política por diante, salvo que se sume ao PSOE, que vaia nas listas do PSOE nas vindeiras eleccións". 

"A extrema esquerda en España non ten percorrido, collera o descontento da crise do 2008, afirma Bieito Rubido. Non ten cinco millóns de votantes, como tampouco os ten unha hiperconservadora. En España, o corpo social que máis suma son as opcións de centro, centro dereita e centro esquerda".

"Vox ten que facer unha profunda reflexión do que pasou en Andalucía", considera Rubido.

"En primeiro lugar, ten que moderar a súa mensaxe, sobre todo nas formas. En segundo lugar, equivocáronse radicalmente de candidato. A sobreactuación de Olona non entroncaba co caladoiro que Vox pretendía, o campo. Vox como a extrema esquerda ten un teito".

Canto a Ciudadanos, conclúe Rubido que "non hai electorado para un partido de centro, centro. En España nunca triunfou. Iso ou que Rosa Díaz, Adolfo Suárez, no seu día, ou Rivera non souberon xestionar ben o seu caudal de votos. Ciudadanos é unha pena pero é un partido chamado a desaparecer".

A Javier Casqueiro, correspondente político do diario El País, parécelle precipitado pensar que os resultados de Andalucía esbozan o mapa político para o futuro en España.

"É precipitado pensar que os resultados de Andalucía esbozan o mapa político para o futuro en España", di Casqueiro

"Andalucía ten moitísimas peculiaridades, panorama político, panorama social. Eu non extrapolaría resultados tan rapidamente como o fai Miguel Tellado".

"O PP está recuperando un electorado", conclúe Javier Casqueiro

Cre Casqueiro que o PP está recuperando un electorado que fora perdendo pola corrupción.

"É unha dirección nova, en Andalucía absolutamente nova, e a corrupción enténdese como unha cousa do equipo dunha época do pasado. En Andalucía perderon o medo a que un partido de dereitas tomase posesión da Junta. Hai que recordar que a Xunta de Andalucía ten un presuposto de 42.000 millóns de euros. Son moitísimos cartos, ten moitísima capacidade de xestión. A xente o que viu foi que Moreno Bonilla e co PP non cambiou nada radicalmente. Non se perderon servizos públicos, como a sanidade, nin se pechou Canal Sur e a xente iso tívoo en conta á hora de votar agora dunha maneira útil".

Sobre o discurso de Adriana Lastra, tras coñecerse os resultados, considera que "estivo especialmente desafortunada onte".

"Adriana Lastra estivo especialmente desafortunada onte. Gustoume o discurso realista, asumindo a derrota, do candidato en Andalucía, Juan Espadas, que hai dez meses era un candidato descoñecido. Andalucía é moi grande, a el en moitas zonas non o coñecía ninguén, necesita tempo; que foi o que lle pasou a Moreno Bonilla cando chegou en 2015, algo moi similar".

Casqueiro: "Ten que tomar nota o PSOE e Pedro Sánchez"

Casqueiro di que "ten que tomar nota o PSOE e Pedro Sánchez. Creo que están vivindo nunha burbulla na Moncloa e teñen que darse conta que Pedro Sánchez ten que volver empatizar coa rúa".

Parte dos resultados, cree Casqueiro que se debe a que se produciu un "cambio sociolóxico enorme en Andalucía nos últimos anos. É outra xeración, da que votou o Estatuto de Autonomía en 1980, é outra economía, é outra sociedade, non votan co medo ao pasado".

"En Andalucía votaron moderación. O candidato era moi bo nese sentido, intercambiable co do PSOE. É outro concepto".

"Hai inflación, hai xente que o está pasando mal e eu non vexo que na Moncloa tomen nota de que teñen que ser moitísimo máis empáticos coa sociedade. Pódelle prexudicar moitísimo nas próximas eleccións xerais".

A xornalista do Faro de Vigo, Lara Graña, explica que "pensaba que ía ser un resultado amplo pero non tanto". Considera que un dos motivos é que o Goberno de Sánchez "non está sendo capaz de explicar as medidas que está tomando para afrontar a crise". "Vaille pasar factura a inflación, non hai ningunha previsión de que vaia baixar".

"A sociedade tampouco está percibindo todos eses sacrificios que se teñen pasado durante a pandemia, e eses 40.000 millóns que teñen que chegar de Europa tampouco son elementos tanxibles ata o de agora. Que o Goberno non sexa capaz de explicar que se están tomando medidas, que teñen un impacto bastante reducido, como o caso dos combustibles, é algo que deben reformular, neste caso Pedro Sánchez".

"Outra maioría absoluta é unha anomalía total", considera Lara Graña

"Estabamos acostumados no caso de Galicia, pero outra maioría absoluta é unha anomalía total. A min encántame as anomalías, esta non contaba con ela. Pensaba que ía ser un resultado amplo, pero non tanto".

"Este resultado vai condicionar o calendario electoral", di Graña

Graña cre que este resultado electoral en Andalucía condiciona o calendario electoral, "porque a escalada inflacionista é o que está condicionando o discurso comunicativo do Goberno. Creo que non se lle está contando toda a crueza da realidade que temos diante. E a inflación non hai ningunha previsión de que vaia baixar de forma significativa nos próximos meses. Máis aínda, seguramente se acaden os dous díxitos, segundo din os analistas nos últimos días".

"Algo ten que facer Pedro Sánchez para cortar o efecto Feijóo no PP ou fía todo a que os fondos europeos, se cadra, teñan algún tipo de impacto na economía. A cidadanía non percibe a materialización dos proxectos porque non os ve pola rúa".

María Jamardo, xornalista e colaboradora habitual nos faladoiros da Radio Galega comentaba, xa cando se coñecía os resultados das eleccións andaluzas que os "resultados apuntan a un  descenso estrepitoso da confianza dos cidadáns na esquerda e un impulso importante para a dereita". 

"Ninguén esperaba que as maiorías absolutas se reeditasen en España de maneira tan inmediata".

"Coa economía en crise, os electores andaluces votan antes xestión que ideoloxía e creo que esa será a tendencia nos próximos meses"

María Jamardo non cre que condicione o calendario electoral para Sánchez.

"Non creo que haxa un adianto electoral das xerais, pero si desde logo isto condiciona a fin da lexislatura a unha agonía á que Sánchez non é alleo. O que si é certo é que probablemente o PSOE teña que reformular esa rexeneración que nunca abordou e que máis aló da elección de Sánchez como xefe de filas non supuxo unha verdadeira presentación dun proxecto nacional a futuro e Sánchez vai ter que ter en conta como vai abordar esa prórroga de orzamento. Tampouco é descartable que no mes de xullo presente unha crise de goberno coa saída de certos membros do executivo".

Jamardo cre que Yolanda Díaz sae prexudicada con este resultado das esquerdas.

"O resultado da esquerda dividida foi peor do que podería parecer nun comezo. Esa plataforma que Yolanda Díaz estaba a argallar non parece moi adecuado presentala nestes intres en que esa división parece que non favorece a esa esquerda que non acaba de atopar o oco e que non pode fiar a súa única proposta a un tema ideolóxico".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade