Publicador de contidos

Publicador de contidos

Uns orzamentos con previsión de recadación récord, por María Cadaval

OPINIÓN

Uns orzamentos con previsión de recadación récord, por María Cadaval

G24.gal 07/10/2022 08:01

O orzamento é o principal instrumento de política económica da que dispón un goberno. Adoitaba ser o xeito en que as sociedades trataban de encarar a incerteza, mais hoxe semella ser máis ben a ferramenta que serve para xestionar as crises que se se suceden ao longo do século XXI. A esta finalidade súmase a necesidade de gañar as eleccións, un propósito condicionado a que o Goberno acerte. Debe atinar en primeiro lugar no cadro macroeconómico que debuxou, no que estima un crecemento do 2,1 % para o 2023. A cifra revela un optimismo moderado, aínda que moi superior ao que prevé o Banco de España, que o sitúa no 1,4 %, de xeito semellante ao que calculou o servizo de estudos do BBVA, que prevé un arrefriamento da economía con alta probabilidade de recesión no último trimestre do ano. A esta realidade débense engadir as duras declaracións de Kristalina Georgieva, a directora xerente do Fondo Monetario Internacional, que ve a economía mundial “coma un barco que navega en augas axitadas”. A incerteza segue a ser moi alta nun contexto de guerra e pospandemia, polo que aínda poderían producirse “mais choques económicos”, o que parece apuntar cara a unha crise financeira con niveis de débeda moi elevados e unha preocupación pola liquidez en segmentos chave do mercado financeiro.

Os orzamentos son, pois, a chave de bóveda da tarefa que ten por diante o executivo. O proxecto de orzamento que o goberno acaba de aprobar para o 2023 e que agora debe pasar a peneira do Congreso e do Senado prevé un incremento de ingresos do 7,7 %, pese á desaceleración da economía. A maior achega provén do incremento da recadación esperada do IRPF, un 7 % máis que no ano corrente, un punto por riba do incremento da recadación estimada de IVE a pesar de que o consumo decaerá. Sobe tamén a previsión de ingresos por Imposto de Sociedades por mor do incremento de beneficios empresariais, e tamén os impostos especiais. A isto haberá que sumar o chamado “imposto de solidariedade”, que aínda non está computado no proxecto de orzamento pero que o Goberno prevé que achegue 1500 millóns de euros mais.

O crecemento económico por unha banda e a escuma da inflación pola outra empurran a previsión de ingresos á alza, o cal permite ao Goberno aumentar a previsión de gastos, que se dispara en pensións, tras a súa actualización á par que o IPC, ao que se suman o incremento de salarios públicos e algunha partida que sobe de xeito significativo, como pode ser a de defensa en mais dun 25 %. Malia isto, tan só dúas partidas consumen a metade de todo o orzamento: as pensións, un 42 % do total (190.000 millóns de euros), e a moita distancia os xuros da débeda pública, un 7 % sobre o total, por riba dos 30.000 millóns de euros. Aumentan tamén as partidas de educación e sanidade en mais dun 6,5 %, bolsas, dependencia, vivenda, etc. Mais cómpre salientar que os investimentos medran por primeira vez en moito tempo en mais dun 30 %, grazas aos recursos procedentes dos Fondos Europeos, cun grande beneficiado: o ferrocarril.

Estes son os grandes datos a partir dos cales cómpre facer unha lectura xa non en chave económica senón política (ideolóxica). O principal partido da oposición considera que os “excedente de ingresos” estarían mellor no peto dos contribuíntes e por tanto propón unha baixada de impostos acompañada tamén dunha redución do gasto público, namentres que o Goberno considera oportuno tecer unha rede de seguridade pública que protexa os mais vulnerables.

Neste sentido, e para chamar a atención sobre a importancia do gasto en protección e nos servizos que compoñen o Estado de Benestar, por primeira vez o documento orzamentario contén unha estimación individualizada dos gastos en educación ou sanidade dos que se benefician os cidadáns. Así, por exemplo, calcula que un ingreso na UCI dun enfermo de covid-19 tería un custo de 20.000 euros, 7.500 no caso dunha intervención e algo menos no caso dun ingreso ordinario. A mesma conta se ofrece para a educación ou os servizos sociais, de xeito que, en agregado, o total de recursos públicos recadados acabará significando unha transferencia de renda con impacto diferente segundo o tipo de familia. Un fogar monoparental cun fillo estaría percibindo arredor dos 9.000 euros en transferencias, 5.200 si é unha parella sen fillos ou o dobre no caso de que esa parella teña dous fillos.

Está por ver o que vai pasar no trámite parlamentario e tamén que se cumpran as previsións. En todo caso, a mensaxe do FMI é clara: ante este panorama escuro que se albisca para o 2023 cómpre ter en conta que seguirá unha política monetaria dura para controlar a inflación, polo que a política fiscal debe ser responsable e ir pensando xa na necesidade de embridar as contas públicas e achegarse o antes posible a niveis de equilibrio orzamentario e rebaixa da débeda pública. De momento, o déficit estimado é do 3,9 %, sorprendentemente non moi diferente do que prevé o Banco de España, que o sitúa no 4 % do PIB, a pesar da diferenza que pintan no crecemento. A débeda seguirá aínda por riba do 100 % do PIB. Queda camiño por percorrer para retornar á senda da consolidación fiscal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar