Publicador de contidos

Publicador de contidos

Díaz critica que a Podemos non se lle consultase a suba de 1.000 millóns en defensa

Díaz critica que a Podemos non se lle consultase a suba de 1.000 millóns en defensa

O diñeiro virá dun crédito extra que aprobará este martes o Consello de Ministros

Arquivo
G24.gal 04/07/2022 14:15 Última actualización 04/07/2022 21:40

 A vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, denunciou que a aprobación dun crédito extra de 1.000 millóns para gastos militares que prevé estudar este martes o Consello de Ministros non sexa acordado con Unidas Podemos, socio do Goberno de coalición.

"As formas en políticas son moi importantes e en materia de tanta sensibilidade debe tomarse de forma adecuada, con respecto aos aliados e respecto democrático ás Cortes Xerais", alertou Díaz.

Preguntada por se ese crédito adicional de 1.000 millóns para Defensa foi acordado con Unidas Podemos no seo do Goberno de coalición, a vicepresidenta  contestou cun conciso "non".

Antes ca Yolanda Díaz, a líder de Podemos e ministra Ione Belarra reprochaba ao PSOE que descoide as "bandeiras" propias dun Executivo progresista e pretenda gastar o diñeiro público en armas "por esixencia dunha potencia estranxeira".

"O noso país non necesita comprar bombas e avións de combate", alertou Belarra nun discurso este luns ante o Consello de Coordinación Estatal de Podemos, no que recalcou que España "non está en guerra".

Segundo Belarra, no punto no que está a lexislatura, "non se perciben uns obxectivos políticos claros na acción do Goberno de coalición" e cre que iso o capta "moitísima xente progresista".

A ministra de Defensa, Margarita Robles, respondeu a estes reproches lembrando que a posición do Goberno en materia de seguridade e defensa a marca o presidente, Pedro Sánchez.

"Eu diríalle á señora Belarra que pregunte a Yolanda Díaz si di en Ferrol que se deixen de construír as fragatas F-110 para a Armada, que están a crear moitos postos de traballo", avisou.

A vicepresidenta Yolanda Díaz negou de forma tallante que ese crédito de 1.000 millóns poida afectar á carga de traballo dos estaleiros de Navantia de Ferrol, como suxeriu a ministra de Defensa.  Segundo os datos dos que dispón Díaz, eses mil millóns, están dirixidos a "gasto ordinario" de Defensa e a "armamento".

"Estas cuestións deben facerse de forma serena e non dicindo cousas que non son verdade porque non son para cargo de traballo en Navantia", insistiu Yolanda Díaz.

Pola súa banda, o titular de Interior, Fernando Grande-Marlaska, respondeu a Podemos que o aumento do gasto en defensa é compatible co doutros servizos como a sanidade, a educación e os asistenciais, e estimou que oporse ao mesmo, como fai o socio de Goberno, é un "canto ao sol".

"Sen un espazo de seguridade claro e debidamente financiado, o conxunto de actividades de desenvolvemento de servizos sociais e de vida tranquila e pacífica complicaríase", avisou Marlaska.

Marlaska confía en que, a pesar das críticas de Podemos, o compromiso de incremento do orzamento de defensa ata o 2 por cento do PIB se consiga cos socios de Goberno e con todos os grupos parlamentarios "que realmente estean involucrados en valores democráticos".

Desde o PSOE, o seu portavoz, Felipe Sicilia, preferiu non comentar as palabras de Belarra e limitouse a dicir que o Goberno "está forte" de face ao debate do estado da nación da próxima semana, onde se exporá "a folla de ruta" para acabar a lexislatura e a importancia de aprobar medidas que beneficien á maioría dos cidadáns.

Non dubida de que o Goberno conseguirá sacar adiante os orzamentos de 2023, como se fixo ao longo de toda a lexislatura, porque "non hai plan B".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade