Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unións Agrarias aumentará a presión se a industria non sobe o prezo do leite

Unións Agrarias aumentará a presión se a industria non sobe o prezo do leite

O secretario xeral de Unións Agrarias urxe ao Ministerio de Agricultura a actuar ante os incumprimentos das industrias 

G24.gal 12/11/2021 19:46

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, avisa que continuarán coas mobilizacións contra as empresas leiteiras que incumpran a Lei da Cadea Alimentaria e mesmo pedirán á cidadanía que boicoteen a compra dos seus produtos se non melloran os prezos que lles pagan aos gandeiros polo leite

Nunha entrevista na Radio Galega, García fala da necesidade de que “haxa unha suba inmediata” dos prezos e ameaza con aumentar a presión mentres iso non acontece. 

“Ata que iso non pase, non só bloquearemos as industrias senón que pasaremos a continuación a pedirlles aos cidadáns que nos axuden a boicotear a aquelas empresas que están impedindo que se cumpra a lei”. 

Roberto García explica que as súas reivindicacións non só son xustas senón que “a propia  Lei da Cadea Alimentaria” as avalan. O responsable de UU AA amosa a súa sorpresa polo feito de que “non só se incumpra a lei senón que non haxa por parte do Ministerio unha actuación contundente contra as empresas que incumpren a lei”.

García lembra que o Ministerio “ten os datos oficiais e obxectivos de que cada gandeiro está vendendo cinco céntimos por debaixo do que lle custa” a produción. E reitera que “Galicia ten os prezos do leite máis baixo non só de España senón de Europa”. 

Dende Unións Agrarias avisan á industria de que se verán afectadas polo peche de explotacións gandeiras. “Debéramos pensar todos, incluída a industria, que se non hai gandeiros e non hai materia prima, os seguintes en desaparecer son eles” porque segundo indica “vai vir produto terminado” doutros países que producen máis que España.  

“Quen está fallando neste proceso por un lado é a industria, que eu estou convencido de que é imposible que siga mirando para outro lado cando lle empecemos a apertar a súa conta de resultados  boicoteando a compra dos seus produtos . Van ter que reaccionar. E segundo, que estou convencido ante unha situación ten que haber unha reacción por parte do Ministerio”. 

Roberto García insiste en que “estamos ante unha tesitura na que ou cerramos ou se fai cumprir a lei”. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade