Unha nova pelexa ás portas dunha discoteca de Ferrol remata cun mozo ferido e outro detido
Veciños do barrio de San Xoán quéixanse dos episodios violentos que se rexistran cada fin de semana nos últimos meses e piden máis medios policiais na zona
Veciños do barrio de San Xoán, en Ferrol, quéixanse do incremento da violencia na contorna dunha discoteca. Desde hai uns meses, cada fin de semana hai pelexas que, na última ocasión, esta pasada fin de semana, remataron cun mozo no hospital tras ser brutalmente agredido.
A rápida intervención da Policía Local de Ferrol, que ten súa sede a apenas 200 metros da discoteca Onda, posibilitou a detención do suposto agresor, que recoñeceu os feitos no acto. O inspector xefe da Policía Local de Ferrol, Javier Abeal, explicou que tras a detención foi posto a disposición da Policía Nacional e levado ante o xuíz.
Desde a Asociación de Veciños de San Xoán-Bertón, din estar fartos e moi preocupados por estes episodios de violencia. Fai pouco máis dun mes difundíanse imaxes gravadas no mesmo lugar dun mozo saltando desde o alto dun coche para darlle unha brutal patada a outro.
"Polo que contan os veciños isto é como un xogo, que van a por un chaval e o desfán", explica o presidente da asociación, Andrés Medín. Engade que "o desta semana foi, desgraciadamente moi duro, o rapaz tivo que ingresar na residencia".
Medín asegura que "antes quedaba un grupiño e marchaba, pero agora veñen a montala, a buscar lío, á pelexa", e insiste en que "levamos varias semanas co mesmo problema.
Por iso desde a representación veciñal teñen claro que é urxente "máis seguridade, máis policía e tamén máis conciencia", porque "chavales e moitos pais teñen moita culpa". "Aquí vense rapaces de 14 ou 15 anos ás cinco da mañá, que fan eses nenos fóra da casa?".