Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha incursión israelí en Cisxordania deixa nove mortos en Yenín

Unha incursión israelí en Cisxordania deixa nove mortos en Yenín

Trátase do incidente máis letal dos últimos anos, que deixa ademais uns vinte feridos

EFE 26/01/2023 11:34

Polo menos nove palestinos morreron este xoves durante unha incursión militar do Exército israelí no campo de refuxiados de Yenín, no que supón o incidente con enfrontamentos armados máis letal en Cisxordania en anos.

"O número de mortos pola agresión israelí en Yenín desde esta mañá ascende a 9 mártires, incluída unha anciá", concretou o Ministerio de Sanidade palestino.

Forzas israelís accederon esta mañá no campo de refuxiados de Yenín, epicentro da resistencia armada palestina no norte do territorio cisxordano, onde houbo enfrontamentos armados con milicianos locais que se saldaron tamén con polo menos unha vintena de feridos, catro dos cales están en estado grave.

Un portavoz militar israelí aseguraba que soldados e forzas policiais levaron a cabo "unha operación antiterrorista conxunta" co obxectivo de "deter un escuadrón terrorista" do movemento islamita Xihad Islámica.

O Exército hebreo asegura que este grupo estaría involucrado "en executar e planificar múltiples ataques terroristas importantes, incluídos ataques con disparos contra soldados e civís israelís".

Segundo afirman os militares israelís, durante o operativo de hoxe, "o escuadrón abriu fogo contra as forzas de seguridade", tras o que houbo un intercambio de fogo e "tres terroristas foron neutralizados".

As súas forzas tamén dispararon contra outros sospeitosos armados cos que se enfrontaron entre as pequenas rúas do campo de refuxiados, agregou a mesma fonte.

Á súa vez, o Exército di estar a investigar os casos doutros mortos rexistrados polo Ministerio de Sanidade palestino, como é o caso dunha anciá falecida no marco da incursión.

O incidente de hoxe é un dos enfrontamentos armados máis letais en territorio cisxordano en anos.

As autoridades sanitarias palestinas denuncian que as forzas israelís "impediron a entrada de ambulancias para recoller aos feridos" e irromperon tamén no Hospital Gobernamental de Yenín, onde "dispararon deliberadamente botes de gas lacrimóxeno contra o departamento de pediatría do hospital, o que provocou asfixias nos nenos".

Autoridade Palestina tacha de masacre o operativo israelí

A Autoridade Nacional Palestina (ANP) tachou de "masacre" a operación israelí: "O que sucede en Yenín e o seu campo é un masacre levado a cabo polo Goberno de ocupación israelí ante o sospeitoso silencio internacional", denunciou a oficina do presidente palestino, Mahmud Abbas, nun comunicado, onde instou á comunidade internacional "a tomar medidas urxentes para protexer ao pobo palestino".

Pola súa banda, o movemento islamita Hamás, que goberna de facto en Gaza, eloxiou a resistencia armada en Yenín e asegurou que esta lidera "unha epopea atemporal no enfrontamento á ocupación".

Á súa vez, o grupo Yihad Islamica, contra quen estivo dirixida a incursión israelí, destacou que os milicianos palestinos "están listos en todas partes para o próximo enfrontamento", e enxalzou "o valor da resistencia no campo de Yenín".

As redadas e operacións de arresto israelís en localidades de Cisxordania -sobre todo no norte, principal foco de tensión- son case diarias desde 2022.

O ano pasado, 170 palestinos morreron por fogo israelí en incidentes violentos, sendo o ano máis mortífero en Cisxordania desde 2006. No que vai deste ano vinte e nove palestinos morreron xa por disparos israelís, máis dun morto por día. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade