Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un mozo de 18 anos mata a tiros 19 nenos e dous adultos nunha escola de Texas

Un mozo de 18 anos mata a tiros 19 nenos e dous adultos nunha escola de Texas

O atacante foi abatido pola policía logo de intentar fuxir do colexio, onde os alumnos teñen entre 7 e 10 anos

O presidente Joe Biden pregúntase "cando nos imos plantar ante o lobby das armas?"

A de Texas é a segunda peor matanza nunha escola estadounidense

G24.gal 24/05/2022 23:03 Última actualización 25/05/2022 20:14

Polo menos 19 nenos foron asasinados no tiroteo perpetrado por un mozo nun colexio da localidade de Uvalde (Texas, EUA). Na matanza tamén morreron dous adultos e o atacante, quen foi abatido pola policía.

Segundo as autoridades texanas, o agresor, Salvador Ramos, de 18 anos, irrompeu cunha arma de man, unha pistola ou un revólver, e cun rifle, sobre as 11:37 hora local no colexio de Uvalde, a uns 133 quilómetros de San Antonio.

O sarxento do Departamento de Seguridade Pública de Texas, Erick Estrada, explicaba en declaracións á canle CNN que o sospeitoso disparou contra a súa avoa antes do ataque na escola. 

Segundo o relato de Estrada, o mozo levaba un chaleco antibalas, o rifle e unha mochila, e foi abatido logo de estrelar o seu coche contra un balado. Segundo explican outras fontes, nese momento tratou de fuxir e disparou contra os axentes.

Varios superviventes están sendo atendidos en hospitais da zona, polo que o balance de falecidos podería subir.

O gobernador de Texas, Greg Abbott dicía nunha comparecencia que o sucedido é "unha traxedia horrible, que non se pode tolerar".

Pero o certo é que este gobernador, republicano, é un firme defensor das armas de fogo e o ano pasado firmou leis estatais que converteron Texas nun santuario para este tipo de armamento. Salvador Ramos comprara dous rifles de asalto o día que fixo os 18 anos.

Nun discurso á nación inmediatamente despois de chegar dunha xira por Asia, o presidente dos EUA, Joe Biden, preguntouse cando o seu país se plantará "ante o lobby de armas". "Como nación, témonos que preguntar cando no nome de Deus imos enfrontarnos aos grupos de presión a favor das armas", lamentou Biden, visiblemente afectado.

O presidente ordenou que as bandeiras do país ondeen a medio mastro na Casa Branca e en todos os edificios federais, instalacións militares e buques de guerra ata a posta de sol do próximo 28 de maio.

Agora investigan as motivacións do tiroteo. No colexio, en que os alumnos teñen de 7 a 10 anos, o 90 % deles son latinos. O resto, brancos.

O deste martes é o segundo tiroteo nun centro escolar máis mortífero da última década, despois do ocorrido en 2012 na escola de Sandy Hook en Newton (Connecticut), onde morreron 26 persoas.

Segundo a web Gun Violence Archive os Estados Unidos rexistraron, só no que vai de ano, 213 tiroteos masivos e 140 menores de doce anos faleceron en incidentes con armas de fogo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar