Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un ataque con mísiles que Siria atribúe a Israel deixa cinco mortos en Damasco

Un ataque con mísiles que Siria atribúe a Israel deixa cinco mortos en Damasco

O Observatorio Sirio de Dereitos Humanos eleva a quince a cifra de falecidos

Este é o segundo ataque en 2023 despois do rexistrado o 2 de xaneiro, coa morte de polo menos sete persoas

Danos provocados polos mísiles en Damasco (Siria) Danos provocados polos mísiles en Damasco (Siria)
G24.gal 19/02/2023 13:50

Siria condenou este domingo o novo ataque atribuído a Israel con mísiles contra obxectivos en Damasco que deixou cinco mortos e unha quincena de feridos e pediu á comunidade internacional castigar o Estado xudeu polos seus "ataques sistemáticos contra a poboación civil".

"Nun momento en que Siria está a curar as súas feridas, enterrando ás súas mártires e recibindo condolencias, simpatía e apoio humanitario ante o devastador terremoto do pasado día 6, a entidade ocupadora israelí lanzou unha agresión aérea (...) contra barrios residenciais habitados por civís", dixo o Ministerio de Exteriores sirio nun comunicado.

Aseverou que o novo ataque, que tivo lugar a pasada madrugada "causou como resultado preliminar cinco mártires e feridas a 15 civís, ademais da destrución de varias vivendas".

A nota, reproducida pola axencia oficial de noticias siria SA non se referiu aos lugares atacados, aínda que a ONG Observatorio Sirio de Dereitos Humanos afirmou que os mísiles tiveron como branco posicións da milicia proiraniana Hezbollah no barrio Kafar Souseh, en Damasco, e en Dawar al Mazra, a uns doce quilómetros ao sur da capital. Causaron a morte a polo menos quince persoas.

"Esa agresión é parte dos ataques israelís sistemáticos contra obxectivos civís sirios, incluídos fogares, centros de servizo, aeroportos e portos, e intimidan os sirios que aínda sofren os efectos catastróficos do terremoto" que o pasado día 6 azoutou Siria e Turquía e causou a morte de máis de 3.600 persoas no territorio sirio, apúntase no comunicado.

Os ataques provocaron "incendios e explosións nos lugares obxectivo", que se estenderon nunha área entre as localidades de Sayeda Zainab, a dez quilómetros ao sur de Damasco, e Diabiya, no campo ao redor da capital. Siria atribuíu o ataque a mísiles israelís.

Segundo ataque en 2023

"Este ataque israelí é o segundo durante o ano 2023 e tivo lugar exactamente ás 00:22 da mañá, cando o inimigo israelí levou a cabo unha agresión aérea con refachos de mísiles desde a dirección do Golán sirio ocupado", publicou a axencia siria SA citando unha fonte militar..

Trátase do segundo ataque destas características, despois do ocorrido o pasado 2 de xaneiro, cando sete persoas perderon a vida no Aeroporto Internacional de Damasco e as proximidades.

As forzas militares israelís atacan de maneira regular obxectivos sirios para, entre outras razóns, impedir o avance da influencia iraniana na rexión, dado que este país xunto co movemento libanés Hezbollah son aliados do presidente Bashar al Assad.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade