Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un ano despois do caso Esther López, Valladolid pide xustiza con incógnitas por resolver

Un ano despois do caso Esther López, Valladolid pide xustiza con incógnitas por resolver

Concentración multitudinaria en Valladolid para lembrar a moza falecida

Concentración en Valladolid por Esther López no aniversario da súa desaparición
G24.gal 15/01/2023 16:40 Última actualización 15/01/2023 20:04

Un ano despois da desaparición de Esther López, unha concentración multitudinaria pediu este mediodía en Valladolid que se faga xustiza.

Malia aparecer días despois o corpo da moza de Traspinedo nunha beiravía e tras meses de investigación, aínda non se deu co autor da súa morte.

O falecemento violento de Esther López, de 35 anos, quen foi vista con vida por última vez hai un ano, a madrugada do 13 de xaneiro de 2022, e foi atopada morta vinte e tres días despois en Traspinedo, continúa con puntos escuros aínda sen aclarar, mentres a investigación segue aberta.

Permanecen como investigados tres homes, Óscar, Ramón e Carolo, dentro dunhas dilixencias que o Xulgado de Instrución Número 5 de Valladolid prorrogou seis meses no mes de decembro, cando se ía cumprir un ano do comezo da investigación, á espera de informes que poidan achegar datos sobre o caso.

A autopsia practicada á vítima desvelou que a morte da muller foi por causa accidental ou homicida e puido ser provocada por un atropelo a velocidade media-baixa, ademais de revelar que a causa inmediata do falecemento debeuse a un shock multifactorial.

Queda por saber se Esther López faleceu de maneira accidental ou se a súa morte puido deberse a unha orixe homicida, entre os puntos aínda por dilucidar. 

Tampouco se sabe con exactitude se a vítima permaneceu desde o seu falecemento no mesmo lugar onde apareceu o corpo, nas proximidades da localidade onde residía e que se percorreu en moitas batidas antes de atopala.

Os forenses non desbotan que o lugar do suposto atropelo fora diferente ao lugar en que apareceu o seu corpo.

Tamén se investiga se durante a madrugada da desaparición Esther López permaneceu na localidade ou marchou a outro lugar. Un dos sospeitosos, Óscar sempre sostivo que deixou a muller nun cruzamento de Taspinedo sobre as 03:00 horas. Non se sabe con seguridade se foi este a última persoa que a viu con vida.

O alcalde de Traspinedo, Javier Fernández, sinalou que o lema elixido para a concentración, "Esther, un ano sen ti, un ano sen xustiza", reflicte o "corazón dorido e a alma triste" da localidade valisoletana porque non teñen entre eles a súa veciña e o seu "eterno sorriso".

O rexedor subliñou que este novo acto serviu para lembrar a Esther e para apoiar a súa familia e os seus amigos na súa "loita sen descanso para que o caso se resolva canto antes e se faga xustiza".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade