Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ucraína e Rusia acúsanse de intentar destruír o encoro de Kakhovka

Ucraína e Rusia acúsanse de intentar destruír o encoro de Kakhovka

O Instituto de Estudos para a Guerra di que os rusos empezan a retirarse de Khersón

A contenda céntrase no sur e no leste, sen perder de vista a fronteira con Belarús

G24.gal 22/10/2022 14:21 Última actualización 22/10/2022 14:41

Ucraína e Rusia acúsanse mutuamente de intentar atacar a central hidroléctrica de Kakhovka, en Khersón. Moscova di que Kíiv disparou contra a planta. Kíiv, que os rusos queren facela estoupar. 

O Instituto de Estudos para a Guerra considera probable que as forzas do Kremlin intenten voar o encoro para que non os persigan na súa retirada da rexión e asegura que esa retirada xa empezou.

A contenda segue centrada nas frontes sur e leste pero sen perder de vista a fronteira con Belarús, a onde continúan chegando soldados rusos. A intelixencia británica cre que a intención de Moscova é convencer a Ucraína de que debe desviar as súas forzas cara ao norte.

Desde Occidente o risco de que Rusia ataque desde alí considérase baixo, pero Ucraína teme que vaia en aumento.

O presidente Zelenski tamén acusou a Rusia de bloquear 150 cargueiros con gran ucraíno para agudizar a crise alimentaria global.

Conversa telefónica

Por segunda vez desde que empezou a invasión, os Estados Unidos e Rusia falaron por teléfono sobre a guerra. O secretario de Estado norteamericano explicou que o seu país está aberto á diplomacia para negociar unha fin pactada da contenda, pero puntualizou que Putin empurra na dirección oposta.

Mentres, os líderes da Unión Europea debateron o apoio económico que precisa Ucraína a longo prazo. A presidenta da Comisión Europea explicou que contemplan darlle 1.500 millóns de euros ao mes.

Kíiv pide tamén o apoio de Occidente para evitar que Irán lle venda drons kamikaze a Moscova. Teherán dixo este sábado que se reserva o dereito a responder contra sancións baseadas en escusas falsas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade