Ucraína dá por iniciada a ofensiva rusa final polo Donbás
Kíiv di que o inimigo trata de cercar as súas forzas cunha manobra envolvente
Os rusos destruíron o aeroporto de Dnipro e mobilizaron trece quilómetros de tanques en Khárkiv
As autoridades ucraínas afirman que este domingo constataron a morte de 1.222 persoas máis nas áreas abandonadas polos rusos na rexión de Kíiv. Nunha aldea de Buzova, próxima á capital, atoparon unha foxa común. Unha funcionaria local explicou que tamén descubriron coches tiroteados nos camiños, con medio cento de mortos.
Non moi lonxe, en Borodyanka, buscan desaparecidos entre os cascallos dos edificios derrubados. Calculan que pode haber máis de 150 persoas sepultadas.
Máis ao norte, na rexión de Chernígov, os veciños relatan o horror que viviron nas semanas en que esta zona foi obxecto dos ataques rusos.
Ucraína deu nas últimas horas por iniciada a ofensiva rusa final polo Donbás. Informou de que o exército do Kremlin destruíu o aeroporto de Dnipro e de que está tratando de cercar as forzas ucraínas nunha manobra envolvente desde Mariupol, Luhansk e tamén desde a rexión de Khárkiv, onde os rusos mobilizaron un convoi de trece quilómetros de tanques.
Zelenski insiste en que todos os países democráticos teñen que parar de comprar petróleo ruso como primeiro paso para que Moscova dispoña dun argumento para buscar a paz.
Os ministros de Exteriores da Unión Europea reúnense este luns, pero tomar medidas sobre o gas e o petróleo, polos que pagan a Rusia mil millóns de euros diarios, non parece estar sobre a mesa debido á alta dependencia dalgúns países membros.