Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ucraína cualifica de xenocidio o ataque ruso contra o edificio de Dnipro

Ucraína cualifica de xenocidio o ataque ruso contra o edificio de Dnipro

O número de mortos rolda a trintena e prevese que aumente

Hai máis de 40 persoas desaparecidas e unha ducia en estado crítico

G24.gal 15/01/2023 20:35 Última actualización 15/01/2023 20:47

Os equipos de rescate seguen buscando persoas entre os cascallos aos que quedou reducida boa parte do edificio de apartamentos de Dnipro alcanzado este sábado por un mísil ruso. Hai máis de 40 veciños desaparecidos.

Ata o momento recuperáronse 29 cadáveres, un deles o dunha nena de 15 anos. Tamén hai máis de media ducia de menores entre os 73 feridos. Desde os coidados intensivos dun dos hospitais con ingresados informan de que teñen varios pequenos especialmente graves.

As autoridades ucraínas, que cualifican o ataque de xenocidio, din que Rusia usou un mísil para o que non teñen defensas aéreas, o Kh-22, e instan o mundo a condenar o emprego destas armas contra poboación civil.

Tensión en Bajmut

En Moscova limitáronse a afirmar que acertaran en todos os seus obxectivos, sen mencionar o derrubamento do edificio. Aseguraron, ademais, que fixeran avances cara a Bajmut, no Donbás.

Os soldados ucraínos admiten que a situación é tensa alí, que os rusos están tratando de infiltrarse nesa cidade, pero que non llelo van permitir.

O Reino Unido prometeulle tanques a Volodímir Zelenski. Di que hai que aproveitar que Rusia está nunha posición débil. 

No Kremlin, porén, negan debilidade ningunha. Vladimir Putin asegura que todo lle está saíndo segundo o previsto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade