Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tres anos e medio de cárcere para un condutor por provocar un accidente mortal en Santiago e fuxir do lugar

Tres anos e medio de cárcere para un condutor por provocar un accidente mortal en Santiago e fuxir do lugar

O home, que no xuízo recoñeceu os feitos e pediu perdón, mantivo unha discusión que o levou a incrementar a velocidade por encima da permitida, o que derivou nun accidente que causou a morte dunha persoa e lesións graves a outra

O condutor condenado, o día do xuízo O condutor condenado, o día do xuízo
G24.gal 09/12/2025 16:16

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña condenou a tres anos e medio de prisión, así como ao pago dunha multa de 3.000 euros, un condutor como autor dun delito de homicidio por imprudencia grave, de lesións por imprudencia grave e de abandono do lugar do accidente. Ademais, imponlle a privación do dereito para conducir durante cinco anos.

Segundo recollen nun comunicado, o tribunal considera probado na sentenza que o acusado, mentres conducía un vehículo o 3 de outubro de 2020 de madrugada, mantivo unha discusión que o levou a incrementar a velocidade por encima da permitida, o que derivou nun accidente que causou a morte dunha persoa e lesións graves a outra.

"Co fin de evitar un adiantamento iniciado polo coche que o precedía, incrementou a súa velocidade por encima da permitida, en estado de axitación, nun tramo con lixeira curva e co pavimento mollado pola choiva, o que incrementaba o risco de perder o control do vehículo e causar danos ao resto de usuarios da vía, como finalmente sucedeu", indica o TSXG.

Ademais, subliña que, a pesar de ser consciente do accidente, continuou a súa marcha pola estrada N-525, en dirección saída de Santiago, sen deterse.

Na sentenza, os xuíces explican que foi obxecto do debate se o sospeitoso consumiu alcol, drogas ou substancias psicotrópicas antes de conducir. Con todo, consideran que "non se practicou proba de cargo suficiente para acreditar esta circunstancia".

A Sala absólveo dos delitos de condución temeraria e contra a seguridade viaria. A sentenza non é firme, pois cabe interpoñer recurso de apelación ante o TSXG.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade