Publicador de contidos

Publicador de contidos

Restablecida a circulación dos trens AVE entre Madrid e Barcelona

Restablecida a circulación dos trens AVE entre Madrid e Barcelona

A circulación do AVE estivo cortada ata as 11:30 horas tras o roubo de material da liña contra as 2:30 horas da madrugada

Está detido un mozo de 19 anos supostamente relacionado co roubo

G24.gal 08/08/2022 09:52 Última actualización 08/08/2022 12:38

Ás 11:30 da mañá, Adif restablecía a circulación da liña de alta velocidade entre Madrid e Barcelona. Os técnicos traballaron arreo para arranxar o problema o máis axiña posible para que suspendesen os menos trens posibles.

Algúns dos AVE circulan agora con atraso e os pasaxeiros non puideron saír en trens anteriores serán recolocados nos seguintes, segundo informaron fontes de Renfe.

A suspensión da circulación na liña de alta velocidade Madrid-Barcelona-Figueres estivo motivada pola subtracción duns 600 metros de cable de fibra óptica e de sinalización entre L'Arboç e La Pobla de Montornès, en Tarragona, segundo informou o xestor de infraestruturas Adif.

En relación con este roubo, os Mossos d'Esquadra detiveron un mozo de 19 anos no concello de Santa Oliva, Tarragona. O mozo foi sorprendido nunha zona de vías e resistiuse á detención.

O roubo deste material, un feito cualificado de "acto vandálico" por Adif, xera desde primeiras horas da mañá deste luns graves afectacións nos sistemas de sinalización, comunicacións e protección na liña de alta velocidade.

Adif comunicou ás empresas operadoras, Renfe Viajeros e Ouigo, a suspensión do tráfico ferroviario entre as estacións de Camp de Tarragona e Figueres-Vilafant. Á súa vez, as operadoras trasladaron a Adif a supresión do servizo en toda a Liña de Alta Velocidade.

Sobre as 2:30 de hoxe detectáronse problemas nas comunicacións, sinalización, sistemas de telemando de enerxía, detectores de caídas de obxectos e outros dispositivos de seguridade entre L'Arboç e Figueres-Vilafant.

Técnicos de Adif desprazáronse ata distintos puntos do traxecto e detectaron diversos cortes de cable de fibra óptica nas dúas vías, nun tramo duns 200 metros na contorna do punto quilométrico 545, entre L'Arboç e La Pobla de Montornès, na provincia de Tarragona.

En total, segundo as primeiras estimacións, subtraéronse uns 600 metros de cable de fibra óptica e de sinalización, o que Adif puxo en coñecemento dos Mossos d'Esquadra.

Adif mobilizou varios equipos técnicos de telecomunicacións e sinalización para axilizar a posta en servizo da liña, tendo en conta a gravidade dos danos causados e as complexas tarefas de reposición das instalacións danadas.

A primeira previsión é que a media mañá se poida renovar de forma progresiva a circulación.

O xestor de infraestruturas condenou "enerxicamente" este "acto vandálico", que foi denunciado ante as autoridades policiais, e lamenta as molestias que esta situación esta provocando nos usuarios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade