Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sesión solemne para conmemorar os 40 anos do Parlamento de Galicia

Sesión solemne para conmemorar os 40 anos do Parlamento de Galicia

O acto pode seguirse en directo a través da web da cámara e das pantallas da TVG

G24.gal 18/12/2021 20:06 Última actualización 19/12/2021 12:25

O Parlamento de Galicia celebra este domingo, 19 de decembro, unha sesión solemne para conmemorar o seu 40 aniversario. Ademais das deputadas e deputados, asistirán as autoridades principais da comunidade.   

A sesión comezará ás 12:30 horas e contará coas intervencións dos portavoces dos tres grupos con representación na cámara (PPdeG, BNG e PSdeG), do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do xefe do lexislativo autonómico, Miguel Santalices.   

Durante a sesión, que poderá seguirse en directo a través da web do Parlamento de Galicia e das pantallas da TVG, efectuaranse conexións coas dúas sedes provisionais nas que estivo instalado o Parlamento antes do seu traslado ao edificio actual e definitivo, o Pazo do Hórreo.   

O Parlamento de Galicia constituíuse o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez, edificio histórico cedido polo arcebispado de Santiago. Seis meses despois, pasou a reunirse no Pazo de Fonseca, propiedade da Universidade de Santiago, onde permaneceu ata marzo de 1989.

Programación

A conmemoración enmárcase na programación impulsada pola cámara para lembrar os 40 anos da autonomía de Galicia. Comezou o 6 de abril, no aniversario da promulgación do Estatuto vixente coa entrega das Medallas do Parlamento á Xeración Nós.

O mércores pasado inaugurouse, no Pazo do Hórreo, a mostra "O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia. 1981-2021". Comisariada polo historiador Ramón Villares, fai un percorrido pola historia da cámara galega.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade