Publicador de contidos

Publicador de contidos

Senadores galegos valoran a decisión do Constitucional de paralizar as reformas lexislativas

Senadores galegos valoran a decisión do Constitucional de paralizar as reformas lexislativas

O socialista César Mogo defende que a vía das emendas era lexítima 

O popular Xosé Manuel Barreiro acusa o Goberno de "autocracia" e de "asalto ás institucións"

G24.gal 21/12/2022 10:39

Senadores galegos do PP e do PSdG-PSOE valoraron no Galicia por diante, da Radio Galega, a decisión do Tribunal Constitucional de paralizar as reformas lexislativas do Goberno que afectan o tribunal de garantías ao entender que o procedemento escollido polo Goberno, vía emendas á reforma do Código Penal, vulneraba os dereitos dos parlamentarios. Unha resolución que adoptou tralo recurso de amparo presentado polo PP. 

O socialista César Mogo acata a resolución do Constitucional pero discrepa. Defende que a vía das emendas é lexítima desde o punto de vista parlamentario. Apunta que máis aló da fórmula que se empregue, agora o goberno estuda presentar unha proposición de lei, o relevante é o fondo da cuestión que pasa por renovar o poder xudicial ante, di, o bloqueo do PP.  

"Foise por esa vía que é lexítima, que utilizan os gobernos e os grupos. Podíase facer por outra, pero fíxose así para desbloquear a situación canto antes porque vivimos unha situación excepcional e inédita. Pódese discutir o procedemento pero a cuestión aquí é o fondo. España leva catro anos sen renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial e iso é gravísimo porque hai un mandato e unha obriga constitucional e iso é o que se trataba de resolver. O Tribunal Constitucional adoptou unha resolución dicindo que non era o caso ir por esa vía e farase por outra pero o importante é que España ten paralizadas as súas institucións por decisión do PP e hai que buscar unha solución xa porque os populares non se queren avir". 

Pola contra, o popular Xosé Manuel Barreiro celebra a decisión do Constitucional en resposta ao recurso de amparo presentado polo PP. 

"Aquí queríase dar unha situación de autocracia. Un asalto ás institucións do Estado por parte deste goberno e claro que o PP non podía permitir esa circunstancia. O Tribunal Constitucional cumpriu esta función constitucional  que ten encomendada. O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, actuou en defensa dos intereses do conxunto dos españois, non do PP". 


Mogo considera que o acontecido é un "choque institucional grave".

"Por primeira vez en 44 anos de democracia, como parlamentario subtráeseme un debate. O Tribunal Constitucional ten que valorar a constitucionalidade das leis, cando están aprobadas e publicadas. Intervir antes é inédito en democracia. O que se vén dicir aos parlamentarios é que iso non se pode debater. É un ámbito moi delicado porque abre un precedente que non é satisfactorio desde o punto de vista parlamentario porque eu teño delimitada a capacidade de debater unha lei que é para o que me elixiu a cidadanía. As cautelares existen cando hai unha decisión irresoluble que lesionará os dereitos dos parlamentarios e neste caso non se produce en absoluto". 

Pola contra, o popular Xosé Manuel Barreiro sostén que se vulneraron os dereitos dos deputados.

"Ese debate dáse iniciado, sen condicións de transparencia. Por que o Goberno de Sánchez non quere informes preceptivos por parte das institucións? Por que non queren que o debate se dea co tempo necesario para algo tan relevante como a modificación dunha lei orgánica? Claro que se conculcan os dereitos dos deputados e dos senadores". 

Barreiro lembrou a última oferta do líder do PP, Alberto Núñez Feijoo, ó presidente do goberno para renovar o Constitucional e o Consello Xeral do Poder Xudicial. "Feijóo ofreceu unha vez máis unha alternativa ao presidente do Goberno. Que renuncie a modificar o Código Penal a toda présa, sen informes, e que cumpra o que prometeu en campaña electoral como tipificar os referendos ilegais. Que renuncie á reforma do delito de sedición e de malversación e que desista de controlar os xuíces". 

Sobre esta proposta, Mogo considera que "Feijóo volve a poñer novas condicións. Arrogándose a virtude e cualidade de salvar a España dun presidente lexítimo. Son escusas, o PP o que quere é conservar as maiorías no poder xudicial". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade