Publicador de contidos

Publicador de contidos

Seis anos de cárcere por corrupción para Cristina Fernández de Kirchner

Seis anos de cárcere por corrupción para Cristina Fernández de Kirchner

A sentenza, contra a cal recorrerá, inclúe a inhabilitación perpetua para exercer cargos públicos

A vicepresidenta arxentina insiste na súa inocencia e atribúe a condena a unha mafia xudicial paraestatal

Podemos cualifica de "atropelo democrático" a condena a Cristina Fernández

G24.gal 06/12/2022 21:57 Última actualización 07/12/2022 00:59

A vicepresidenta de Arxentina Cristina Fernández foi condenada a seis anos de prisión por irregularidades na concesión de obras viarias durante os gobernos kirchneristas de 2003 a 2015. O Tribunal Oral Federal 2 de Bos Aires tamén a condenou a inhabilitación perpetua para exercer cargos públicos.

A expresidenta foi declarada culpable de administración fraudulenta de fondos públicos pero non de asociación ilícita. A Fiscalía pedía para ela 12 anos de cadea. 

No proceso xulgábanse irregularidades na concesión de 51 obras públicas a firmas do empresario Lázaro Báez na provincia de Santa Cruz durante os seus gobernos e o do falecido Néstor Kirchner.

"Branco dunha mafia"

Ela insiste en que a condena "xa estaba escrita" e confirma que apelará.

Nunha intervención telemática desde o seu despacho no Senado, que preside como vicepresidenta do país, reiterou que ningunha das acusacións formuladas no xuízo eran certas e presentouse como branco dunha mafia. 

"Isto é un Estado paralelo e mafia, mafia xudicial, e a confirmación da existencia dun sistema paraestatal en que se decide sobre a vida, sobre o patrimonio e sobre a liberdade do conxunto dos arxentinos".

Avanzou que non será "candidata a nada" nas eleccións do ano que vén porque non vai someter a forza política que lle deu dúas veces a honra de ser presidenta e unha vicepresidenta "a que a maltraten en período electoral".

"Condenada unha persoa inocente"

O presidente arxentino Alberto Fernández pronunciouse a través da súa conta de Twitter. Nunha serie de chíos en que fala de "persecución absolutamente inxusta" e de "simulacro de xuízo", di que sabe da inocencia de Cristina Fernández.

"Hoxe, na Arxentina, foi condenada unha persoa inocente".

Os partidos da oposición afirman que coa condena "se fixo xustiza".

As autoridades de Bos Aires reforzaron a presenza policial nas rúas en previsión de posibles incidentes ou disturbios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade