Publicador de contidos

Publicador de contidos

A UE e os EUA preparan máis sancions contra Rusia tras o masacre de Bucha

A UE e os EUA preparan máis sancions contra Rusia tras o masacre de Bucha

O Kremlim rexeita as acusación de xenocidio por parte de Ucraína e pide unha reunión da ONU

Moitos corpos tiñan as mans atadas e recibiran un disparo na cabeza 

Recibiron sepultura en patios e parcelas

Volodimir Zelenski visitou Bucha este luns. As imaxes desta noticia son de extrema dureza
G24.gal 04/04/2022 11:29 Última actualización 18:00

Os servizos funerarios da cidade ucraína de Bucha localizaron e enterraron uns 340 cadáveres de civís atopados nas súas rúas, segundo publica o diario ucraíno Pravda. "Pero hai máis", din nesa información.

"Recollemos 15 corpos da rúa Yablunska cuxas mans foran atadas e que recibiran un disparo na cabeza. Hoxe [o 3 de abril] atopamos 30 corpos", describen.

Segundo Serhiy, empregado do servizo funerario, os traballadores están excedidos e non poden seguir con estas tarefas de recuperación de corpos.

"Mañá temos que visitar polo menos 20 enderezos máis. Moitas persoas están enterradas en patios e parcelas. Non podemos dicir o número exacto. Aínda non temos listas completas. Xa enterramos arredor de 350 persoas", insistiu.

As autoridades de Kíiv denunciaron o masacre cometido polo exército ruso nesa cidade do norte do país que recuperaron o pasado día 30 de marzo as tropas ucraínas tras semanas de asedio e bombardeos. Os soldados ucraínos atoparon centos de cadáveres nas rúas, a maioría de civís.

Rusia nega calquera papel no ataque a Bucha 

Rusia rexeitou calquera responsabilidade nas matanzas e pediu tratar este asunto "no ámbito internacional", incluída unha reunión do Consello de Seguridade de Nacións Unidas. Ademáis, subliñan que a información "debe ser cuestionada" porque o Ministerio de Defensa ruso identificou sinais de falsidade nos vídeos, segundo a axencia rusa Interfax.

O presidente do país Volodimir Zelenski cualificou onte á noite nunha televisión estadounidense de "xenocidio" contra o pobo ucraíno o que está a facer Rusia.

Pero a de Bucha non é a única acusación de asasinatos indiscriminados de civísA alcaldesa dunha localidade próxima a Kíiv e a súa familia apareceron mortos. Era a rexedora de Motizhin, vila cercana á capital, o seu marido e o seu fillo, que foron localizados enterrados nunha tumba pouco profunda.

A pesar de que non se pode asegurar quen é o responsable destas mortes, no Ministerio do Interior de Ucraína non dubidaron en sinalar novamente o exército ruso como responsable.

A organización de dereitos humanos Human Rights Watch (HRW) afirmou en días pasados ter indicios de que o Exército ruso cometera posibles crimes de guerra nas áreas baixo o seu control, entre eles execucións sumarias de civís.

Zelenski pide en Bucha "documentar crimes de guerra"

O presidente ucraíno Volodimir Zelenski pediu este luns aos medios de comunicación internacionais "documentar" as "atrocidades" cometidas polas tropas rusas en Bucha, durante unha visita a esta cidade, escenario dunha presunta matanza de centenares de civís.

"É moi importante que estea aquí a prensa, os xornalistas internacionais. Temos que poder mostrar ao mundo o que ocorreu aquí, o que fixeron as forzas rusas", afirmou Zelenski, en declaracións aos medios.

O líder ucraíno destacou a importancia de "levar á xustiza internacional" este caso. "Faremos que os responsables sexan castigados. Todos os días atopamos casos como este, isto é un xenocidio", engadiu.

Rusia rexeita as acusacións 

O Kremlin negou con firmeza as acusacións occidentais sobre o presunto masacre cometido por tropas rusas na localidade de Bucha. "Rexeitamos de forma categórica todas as acusacións", dixo o portavoz da Presidencia rusa Dmitri Peskov na súa conferencia de prensa diaria.

Peskov agregou que Moscova pide a discusión do tema "ao nivel máis alto" e por iso solicitou unha reunión do Consello de Seguridade das Nacións Unidas.

A petición chega cando ambas as dúas partes tiñan previsto retomar vía telemática as negociacións de paz.

Biden pide xulgar a Putin por crimes de guerra

O presidente do Estados Unidos Joe Biden dixo este luns que o seu homólogo ruso Vladimir Putin debería ser xulgado por crimes de guerra debido ao presunto masacre cometido por tropas rusas na localidade ucraína de Bucha.

"Temos que conseguir todos os detalles para que poida haber un xuízo por crimes de guerra", dixo Biden en declaracións á prensa. "Este tipo é brutal e o que está a ocorrer en Bucha é indignante", engadiu o mandatario, quen recalcou que Putin "debería render contas" polo sucedido.

"Lembrarán que me criticaron por chamar criminal de guerra a Putin. O certo é que todos vostedes viron o que pasou en  Bucha. Iso xustifícao, el é un criminal de guerra, pero temos que recompilar a información", subliñou.

A UE prepara con "urxencia" máis sancións polas "atrocidades" rusas

A Unión Europea vai avanzar, "con carácter de urxencia", na preparación de novas sancións contra Rusia tras as "atrocidades", que condena nos "termos máis enérxicos", cometidas polas forzas armadas rusas en varias cidades ucraínas ocupadas e que agora foron liberadas.

"Nestas horas sombrías para todo o mundo", os Vinte e sete solidarizáronse este luns "plenamente" con Ucraína, un país que seguirán apoiando "firmemente", á vez que preparan novas sancións e axudan a recompilar probas para que os responsables dos "masacres" sexan levados ante a xustiza internacional, dixo Josep Borrell, xefe da diplomacia europea, nunha declaración en nome da UE.

Para Borrell, os "masacres" en  Bucha e outras localidades ucraínas "quedarán inscritos na lista de atrocidades cometidas en chan europeo".

O presidente francés Emmanuel Macron non dubidou en cualificar de crime de guerra o masacre de Bucha, que será investigado pola Fiscalía da Corte Penal Internacional con sede na Haia. 

"A xustiza internacional terá que actuar e os que perpetraron estes crimes terán que responder por eles", dixo Macron, quen pediu ampliar as sancións cun embargo europeo ao petróleo e ao carbón rusos, dentro do novo paquete de medidas que estudan xa os 27.

Ucraína abre de novo corredores de evacuación

As autoridades ucraínas volveron abrir este luns varios corredores humanitarios para evacuar cidadáns nas zonas asediadas e máis castigadas polo Exército ruso, especialmente na cidade de Mariupol e na rexión de Luhansk.

Este traslado en Mariupol debe facerse en vehículos privados, explicou a vicepresidenta ucraína Irina Vereshchuk, quen confirmou onte que lograron evacuar neste corredor 469 habitantes da cidade.

Por outra banda, esta noite, tamén se produciron ataques rusos nas cidades de Novovorontsovka e Marianske, no sur do país, informa a axencia local Ukrinform.

Un pouco máis ao leste, en Mikolaiv, tamén impactaron varios mísiles, segundo explicou o alcalde da cidade.

E en Odesa rexistrouse un novo ataque con mísiles, o segundo en dous días desde que empezou a invasión rusa, cuxas consecuencias tamén se están avaliando, anunciou Serhiy Bratchuk, portavoz da administración rexional militar da zona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade