Publicador de contidos

Publicador de contidos

Maioría absoluta do PP en Andalucía por primeira vez na súa historia

Maioría absoluta do PP en Andalucía por primeira vez na súa historia

A formación de Juanma Moreno logra 58 escanos, 32 máis ca nos anteriores comicios

O PSOE queda con 30, Vox con 14 e Ciudadanos desaparece do arco parlamentario

Xornalistas galegos de diferentes medios analizan na Galega os resultados das eleccións andaluzas

Juanma Moreno ás portas da sede do PP en Sevilla. EFE/José Manuel Vidal
G24.gal 19/06/2022 20:33 Última actualización 20/06/2022 13:33

O Partido Popular consegue a maioría absoluta en Andalucía por primeira vez na súa historiaao lograr 58 escanos, con case o 100 % dos votos escrutados. A formación liderada por Juanma Moreno gañou 32 escanos máis dos conseguidos nos anteriores comicios.

O PSOE de Juan Espadas queda con 30 representantes, tres menos dos que tiña, mentres que Ciudadanos desaparece do arco parlamentario, onde ocupaba 21 asentos. 

Vox, con Macarena Olona á fronte, é a terceira forza con catorce deputados (dous mais ca no 2018). Por Andalucía logra cinco e Adelante Andalucía dous.

O Parlamento andaluz que saíu deste comicios celebrará a súa sesión constitutiva o 14 de xullo, coa que abrirá a duodécima lexislatura.

"Enorme responsabilidade"

Tras coñecer os resultados, o presidente andaluz en funcións asegurou ser consciente da "enorme responsabilidade" que supón a maioría absoluta lograda polo seu partido. Juanma Moreno dixo que vai "gobernar para todos", polo que as persoas que votaron outras formacións "poden durmir tranquilas".

Acompañado pola súa muller, dirixiuse aos simpatizantes concentrados ás portas da sede do PP no centro de Sevilla.

"Estabamos adestrados en perder eleccións e sempre aceptamos o resultado con humildade, espero agora que nesta vitoria contundente sexamos tamén humildes á hora de gañar", recalcou.

Ademais, asegurou que Andalucía vai ter "catro anos de prosperidade, de avanzar e seguir adiante xestionando os intereses de Andalucía con honestidade, transparencia, serenidade e moderación".

"Fracaso do sanchismo"

A secretaria xeral do PP Cuca Gamarra asegurou este domingo que o resultado "histórico" que logrou o PP en Andalucía significa o "fracaso do sanchismo". Ademais, saudou que a súa formación lograse "frear" a Vox.

"Seguiremos xestionando con humildade este resultado desde a centralidade, pero sen ningunha dúbida o PP freou a Vox en Andalucía e fíxoo por si mesmo coa decisión dos andaluces e o máis importante, que son os seus votos", declarou Gamarra nunha rolda de prensa na sede nacional do PP.

Gamarra afirmou que a caída do PSOE nesta autonomía, onde cultivou o peor resultado da súa historia, debería levar ao presidente do Goberno "a unha reflexión" porque deixa claro que "o modelo de Goberno no que quixo meterse está cada día máis esgotado".

Valoración de Juan Espadas

O candidato socialista á Xunta de Andalucía asegurou este domingo que o seu partido non conseguiu o obxectivo de mobilizar o electorado de esquerdas.

Juan Espadas, que compareceu xunto a toda a Executiva socialista e non aceptou preguntas, felicitou o candidato do PP, Juanma Moreno, e comprometeuse a asumir a responsabilidade de "xefe da oposición" e a traballar desde este luns para recuperar a confianza dos andaluces.

"Imos facer unha oposición de Estado, contundente e eficaz para asegurar que tamén é democracia unha oposición útil. Somo un partido democrático, os andaluces falaron e respectamos os resultados", dixo.

Con todo, criticou que a campaña foi "desigual e difícil", ao que sumou que o candidato do PP utilizou a "maquinaria de propaganda" do Goberno autonómico para "condicionar" os andaluces e construír un "relato que non se corresponde" coa Andalucía real.

Olona agardaba "un resultado mellor"

A candidata de Vox Macarena Olona recoñeceu que desexaba "un resultado mellor", pero salientou como "evidente" o crecemento do partido e advertiu que veu para quedar.

Nunha comparecencia no cuartel xeral habilitado por Vox para seguir a noite electoral, xunto ao líder do partido Santiago Abascal, felicitou o candidato do PP Juanma Moreno e dixo que estas eleccións tamén hai que analizalas "en clave nacional".

Ao seu parecer, os andaluces dixeron non a Pedro Sánchez e non "ás políticas de ruína, de miseria que nos trouxeron os gobernos socialistas a España e a Andalucía".

"Non trae nada bo"

Inmaculada Nieto, candidata de Por Andalucía, recoñeceu que o resultado da súa formación nestes comicios "non foi bo".

Asegurou que o adianto das eleccións e a novidade da coalición non xogou ao seu favor e lamentou a maioría do PP, que, dixo, "non trae nada bo para Andalucía".

"Picar o globo"

A candidata de Adelante Andalucía Teresa Rodríguez celebrou que a comunidade autónoma conseguira "picar o globo" de Vox, partido que considerou "pegou un Macarenazo na fronte".  

Segundo dixo, afronta estes resultados "coa satisfacción" de saber que Andalucía "ten a dignidade para non tragar a Macarena Olona", unha candidata que "só tiña conexión con esta terra a través dos argumentarios" do seu partido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade