Publicador de contidos

Publicador de contidos

Remata sen acordo a negociación do ere de Vestas

Remata sen acordo a negociación do ere de Vestas

Os traballadores denuncian "mala fe" da empresa

G24.gal 09/11/2021 00:18 Última actualización 09/11/2021 08:13

O período de consultas do ere de Vestas na planta de Viveiro, que afecta os seus 115 empregados, finalizou este luns sen acordo.

Foron oito horas de reunión entre a multinacional eólica e o comité de empresa nun hotel de Viveiro, coa maioría dos traballadores agardando fóra as noticias sobre o seu futuro.

Finalmente, confirmouse o contrario do que pedían: Vestas quere pechar xa o despedimento colectivo e non acepta ampliar a negociación do ere ata finais de decembro por se houbese un comprador, como recomendaban as administracións. 

Segundo informou o comité nun comunicado, o único que ofreceu a empresa foi negociar medidas para minimizar o impacto dos despedimentos, con formación e plans de recolocación, pero os traballadores desconfían e rexeitaron esa vía nunha votación.

O que farán será denunciar o ere nos tribunais, xa que entenden que a empresa actúa con mala fe.

De nada serviron as mobilizacións dos traballadores, que mesmo percorreron media Europa en bicicleta para entregar as súas demandas na sede central de Vestas en Dinamarca.

Agora a empresa ten quince días para comunicar formalmente a decisión e podería comezar a executar os 115 despedimentos cando o considere. 

Os traballadores queren saber agora como actuarán as administracións. E confían en que a xustiza acabe dándolles a razón.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade