Publicador de contidos

Publicador de contidos

Retómase a busca de persoas desaparecidas no buque incendiado en Grecia

Retómase a busca de persoas desaparecidas no buque incendiado en Grecia

Tentan localizar doce persoas de orixe grega, búlgara e lituana

Varios buques tentan extinguir o lume con canóns de auga Varios buques tentan extinguir o lume con canóns de auga
G24.gal 19/02/2022 08:20

Os equipos de rescate retomaron a busca das persoas desaparecidas no incendio do transbordador incendiado na madrugada do venres preto da illa grega de Corfú, mentres continúan os labores de extinción.

O ministro da Mariña Mercante, Yiannis Plakiotakis, confirmou en declaracións á cadea privada Skai, que no Euroferry Olympia aínda quedan pequenos focos activos. Segundo dixo, cando se complete a extinción o barco remolcarase a un lugar seguro e logo bombearase o combustible para evitaren a contaminación ambiental.

Persoas desaparecidas

No interior do buque buscan as 12 persoas que aínda figuran como desaparecidas. Son cidadáns de orixe grega, búlgara e lituana. Os equipos de salvamento lograron rescatar dúas persoas que quedaran atrapadas no garaxe do transbordador, un dos cales se atopa en estado grave por intoxicación de fume.

Os labores de busca interrompéranse de noite, polas elevadas temperaturas e a densidade do fume que facía nula a visibilidade. Porén, mantivéronse as tarefas de extinción desde os buques que rodean o transbordador e que operan con canóns de auga.

Varios polisóns

En total, rescatáronse 280 das 292 persoas que se calcula que viaxaban no buque. Na lista da pasaxe figuraban 290, pero finalmente descubriuse que había dous polisóns. Non se descarta que haxa máis persoas sen identificar dentro do buque.

A embarcación incendiouse sobre as catro e media da madrugada (02.30 GMT), tres horas despois de partir dende o porto grego de Igumenitsa rumbo ao italiano de Brindisi. O lume propagouse con rapidez por todo o buque e as columnas de fume puideron verse a quilómetros de distancia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade