Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ratificada cun 81,47 % a nova dirección de Formoso á fronte do PSdeG-PSOE

Ratificada cun 81,47 % a nova dirección de Formoso á fronte do PSdeG-PSOE

Votaron un total de 424 delegados do PSdeG, co resultado de 343 papeletas a favor, 78 en branco e 3 nulas

O novo PSdeG defende a "integración" tras non aceptar as listas de Caballero pero si incluír afíns seus como Carmela Silva ou Fernández Leiceaga

O novo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, arroupado por Pedro Sánchez na súa proclamación ao remate do congreso
G24.gal 08/12/2021 12:35

Valentín González Formoso (As Pontes, 1971) asumiu este mércores o mando do socialismo galego co reto de volver unir ao partido ao redor dun liderado sólido que permita ao PSdeG revalidar o seu poder municipal e volver ao Goberno da Xunta de Galicia. 

González Formoso, que é alcalde da súa localidade natal desde hai 14 anos e desde xullo de 2015 preside a Deputación da Coruña, estivo arroupado polo presidente do Goberno e líder dos socialistas, Pedro Sánchez, nun acto no que a súa dirección conseguiu o apoio do 81,47 por cento dos delegados a pesar da división patente entre o novo líder e o seu antecesor e rival en primarias, Gonzalo Caballero. 

Durante a súa primeira intervención tras ser proclamado novo líder do socialismo galego, González Formoso reivindicou a xestión do Goberno de Pedro Sánchez que, no "peor momento económico e social" do país, dixo, soubo velar pola saúde e o emprego dos cidadáns a pesar da "deslealdade" que tivo que afrontar por parte dos partidos da oposición. 

González Formoso confesou mirarse no espello de Sánchez, polo que asume o liderado da formación en Galicia cun "gran orgullo" pero tamén coa "altísima responsabilidade" de "reforzar a presenza" do PSdeG na sociedade galega a fin de que o partido “obteña o premio que merece e volva estar á fronte da Xunta de Galicia”. 

"Por iso estamos aquí, todos e todas", arengou o novo líder, que pediu "esforzo" a todos os militantes do partido para dese modo poder volver ser útiles e "capaces de comprender que é o que lle importa á cidadanía" e ser, de novo, "merecedores" da confianza de todos, "da maioría" dos galegos. 

Propuxo "tres grandes acordos" a todas as forzas políticas deste país en materia de innovación, economía e defensa dos servizos públicos, que serán tres das prioridades do seu mandato á fronte da secretaría xeral. 

Sánchez di que "pronto imos volver a gobernar Galicia"

Para dar cumprimento a todos os retos que se lle abren, Formoso contará co apoio de Pedro Sánchez, que, na clausura, confiou en que o cambio no liderado do PSOE galego sirva para que do mesmo xeito que hoxe os socialistas “gobernamos España" pronto vaian "volver gobernar Galicia”. 

"Gobernamos España e pronto, Valentín, imos gobernar a Xunta de Galicia", asegurou Sánchez, que ve no PSOE o "partido imprescindible" de todos os territorios que conforman o estado español "porque nunca fallamos a España, como estou convencido de que o PSdeG-PSOE nunca fallará, como nunca fallou, a Galicia". 
 

O novo PSdeG defende a "integración" tras non aceptar as listas de Caballero

A dirección contará con representación do poder municipal, o cal se verá reflectido coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, como presidenta do partido. A política viguesa pecha así as supostas diferenzas entre a nova dirección e o PSOE de Vigo, unha das principais faccións do partido na comunidade.

O poder municipal tamén se trasladará á dirección a través da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, como número dous dos socialistas galegos, que ocupará a Vicesecretaría Xeral do PSdeG.

O concelleiro de Facenda do goberno local da Coruña, José Manuel Lage Tuñas, será o secretario de Organización do partido.

O alcalde de Vilagarcía e presidente da Fegamp, Alberto Varela, encargarase da área de política municipal e a exedil socialista de Ourense Marga Martín levará o campo de política social dentro da dirección.

Desde a dirección destacan o esforzo integrador dentro da nova estrutura ao incluír tamén a unha decena de cargos que eran próximos a Gonzalo Caballero, entre os que están o senador Xoaquín Fernández Leiceaga, que se encargará da área económica e que ata o de agora era o presidente do partido.

Tamén se suman á dirección Abel Losada, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o rexedor de Entrimo, Ramón Alonso; ou a primeira edil de Redondela, Digna Rivas.

A fortaleza interna coa que parece empezar a súa traxectoria no Pino quedou reflectida co apoio dos alcaldes de Vigo, Santiago, A Coruña e Ferrol, así como o expresidente da Xunta Emilio Pérez Touriño, o  exministro de Fomento José Blanco ou o antigo secretario xeral do partido José Ramón Gómez Besteiro, que reapareceu no congreso do PSdeG despois dun lustro apartado da vida pública. 

A disputa con Gonzalo Caballero

A última hora de do martes, Gonzalo Caballero rexistraba dúas candidaturas para que el mesmo, e os seus, puidesen formar parte dos órganos de dirección en aras da “pluralidade”.Segundo a súa versión, o martes foron presentadas “en prazo” as candidaturas ao comité nacional galego -210 membros máis suplentes- e ao Comité Federal -7 membros-.

Con todo, estas propostas non foron validadas polo comité electoral do PSdeG -composto por afíns ao novo líder, Valentín González Formoso- en tanto que se presentaron fóra de prazo e pola vía errónea.

Caballero denunciou ademais que o propio novo secretario xeral mentiulle ao dicirlle que o prazo de presentación se ampliaba ata esta mañá cando agora refiren que concluíu ás 23:45 de onte á noite. Considerou que este veto demostra que “cando os aparellos mandan” hai “obxectivo a bater” como xa viu en “moitos congresos e moitas etapas no PSdeG” que foron “moi negativas” para o partido.

Con todo, á súa saída do plenario, desexou “éxitos” ao novo líder do partido que, ao seu xuízo, debe iniciar unha etapa de “fortalecemento” xa que ten “moito traballo por diante e ten que aceptar”.

Non quixo pronunciarse sobre o seu futuro no grupo parlamentario aínda que asegurou que continuará como “militante de base” e como deputado, actuando con “lealdade pero con criterio propio”.

Con todo, o novo secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage, defendeu a configuración dos novos órganos do partido que permiten abrir “unha nova etapa” e representan á “inmensa maioría do partido”.

Segundo Lage, a configuración da nova dirección demostra que as promesas de integración por parte de  Gónzalez Formoso cumpríronse en tanto que entre as 58 persoas que conforman a executiva hai, polo menos, unha decena de persoas que durante as primarias apoiaron a Gonzalo Caballero.

“Pasadas as primarias non hai ningún tipo de bando nin de trincheira, somos todos compañeiros”, insistiu o responsable de organización do partido, que destacou a integración de personalidades como o senador Xoaquín Fernández Leiceaga, que ocupaba a presidencia do PSdeG durante a etapa de Gonzalo Caballero de quen era “estreito colaborador”.

O exemplo tamén queda patente coa representación da agrupación local de Vigo que terá unha “presenza moi significativa” e “protagonista” con Carmela Silva na presidencia do partido.
Todo iso, dixo Lage, “déixanos moi satisfeitos” porque fai do PSdeG un partido máis forte e unido.



 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade