Sabin Merino rescata un punto cun penalti no engadido (1-1)
O Éibar adiantouse cun gol de Bautista no minuto 53
Custoulle xerar ocasións ao cadro racinguista, pero no minuto 93 atopou premio á súa insistencia
O Rácing rescatou un punto que sabe moi ben despois das dificultades que atopou diante do Éibar. Tiña o equipo vasco o partido na man pero no engadido Sabin Merino transformou un penalti que deixa un punto na Malata.
Houbo moito respecto no primeiro tempo. As ocasións escasearon e só o Éibar estivo preto do gol cunha opción de Stoichkov no minuto doce que salvou cunha parada de reflexos Ánder Cantero. No Rácing foi Héber polo sector esquerdo o que levou o perigo e ameazou cun par de disparos desde a frontal da área que non tiveron o resultado agardado. Os ferroláns lamentaron a lesión muscular do central Álex Martín no minuto 40. Tivo que ser substituído por Clemente nunha zona do campo moi tocada de efectivos.

O segundo tempo comezou do peor xeito posible. Un centro desde a dereita cabeceouno á rede Bautista (minuto 53). Tocoulle arriscar ao equipo de Parralo. Nacho foi o primeiro en avisar gañando ben a liña de fondo pero o seu centro non atopou rematador.
O Éibar, con espazos, tamén xerou perigo. Stoichkov rematou alto e Mario Soriano mandou un bombeirolo que salvaron entre Cantero e o pau. A mellor ocasión do Rácing volveu estar nas botas do capitán Héber Pena pero o seu lanzamento atopou a resposta de Luca Zidane (minuto 77).
Entramos no engadido e, nun córner a prol do Rácing, Arbilla toca o coiro coa man. O colexiado asubía o penalti e Sabin Merino non desaproveita o penalti. Unha igualada que sabe a vitoria despois do acontecido sobre o céspede.
Parralo falou tras o encontro de que o equipo necesita recuperar ese xogo que o equipo facía xornadas atrás.