Publicador de contidos

Publicador de contidos

Putin tacha de "falsa" a matanza de Bucha e cualifica de "nobre" a campaña militar rusa

Putin tacha de "falsa" a matanza de Bucha e cualifica de "nobre" a campaña militar rusa

A ONU cifra en case 1.900 os civís mortos desde que comezou a invasión

O presidente ruso di que Rusia cumprirá os obxectivos "nobres" de protexer o Donbás

Putin resta importancia ás sancións impostas ao seu país e di que "é imposible illar Rusia no mundo moderno"

G24.gal 12/04/2022 12:04

Bucha, unha falsificación

O presidente ruso, Vladimir Putin, asegurou este martes que a matanza de Bucha, supostamente perpetrada polas tropas rusas na rexión de Kíiv, é unha "falsificación". Rexeitou os presuntos crimes de guerra e defendeu a campaña militar en Ucraína ao cualificar os seus obxectivos de "nobres".

Putin lembrou o suposto arsenal químico de Iraq que serviu de pretexto en 2003 para a invasión dos EUA. "Igual de falso é Bucha", dixo Putin durante unha conferencia de prensa conxunta co presidente bielorruso, Alexandr Lukashenko, no cosmódromo ruso de Vostochni, no afastado oriente ruso. É a súa primeira conferencia de prensa desde o comezo da invasión de Ucraína.

Mundo unipolar crebado

Para Putin, o que está a ocorrer é "a creba do sistema mundial unipolar que se formou trala desintegración da Unión Soviética".

O líder ruso dixo que a principal tarefa de Occidente non é axudar a Ucraína, porque iso non sería máis ca "un medio para acadar os seus obxectivos", que non teñen ningunha relación "cos intereses do pobo ucraíno".

Nos mesmo termos xa se expresara o ministro de Exteriores ruso ao afirmar que un dos obxectivos da campaña rusa era poñer fin ao "dominio total" dos Estados Unidos no panorama internacional.

Putin engadiu que cada vez que un dirixente occidental lle bota en cara en conversacións telefónicas as "atrocidades" cometidas en Ucraína, lémbralle a brutal destrución causada pola aviación estadounidense en cidades sirias como Al Raqa. "Ninguén reaccionou entón", dixo, igual que cando centos de persoas morreron nunha voda en Afganistán: "Silencio".

Axudar o Donbás

Ademais, Putin amosouse convencido de que as Forzas Armadas de Rusia lograrán os obxectivos "nobres" de protexer a xente do Donbás coa campaña militar en Ucraína.

"Así será. Non hai dúbida. Os obxectivos son totalmente claros e nobres", sinalou. "O obxectivo principal é axudar a xente do Donbás, que recoñecemos e que nos vimos obrigados a defender, porque as autoridades de Kíiv, empuxadas por Occidente, negáronse a cumprir cos Acordos de Minsk destinados a unha solución pacífica dos problemas" nesta rexión do leste de Ucraína, dixo.

Putin aseverou que o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, afirmou publicamente que a Kíiv "non lle gusta" ningunha cláusula dos Acordos de Minsk, mentres que "outros funcionarios afirmaron que a implantación dos mesmos é imposible".

"Era imposible seguir tolerando este xenocidio que durou oito anos" desde o inicio do conflito armado entre o Exército ucraíno e os separatistas prorrusos de Donetsk e Lugansk, subliñou o mandatario.

Putin subliñou que a campaña ucraína "vai segundo o plan" e que a súa duración dependerá da "intensidade dos combates".

Conversas con Ucraína

Putin dixo que a "delegación ucraína deu marcha atrás nos acordos de Istambul" e que agora os temas están divididos, por unha parte, nas garantías de seguridade para Ucraína e, pola outra, no relacionado con Crimea, Sebastopol e Donbás.

Tamén declarou que nas conversas, "a falta de coherencia de Ucraína sobre os puntos fundamentais crea dificultades á hora de alcanzar acordos definitivos".

Tras estas declaracións, Ucraína asegurou que as negociacións continúan malia "ser moi difíciles"

Cifras oficiais 

A Oficina do Alto Comisionado de Nacións Unidas cifrou en case 1.900 civís mortos en Ucraína desde o 24 de febreiro, entre eles máis de 180 nenos e nenas, un terzo nas rexións baixo o control dos separatistas prorrusos.

A ONU avisa de que as cifras reais son, sen dúbida, moito maiores ao non ter os seus expertos acceso a zonas onde continúan as hostilidades, como a devastada Mariúpol.

 

Vladimir Putin xunto a Alexandr Lukashenko nunha visita ao cosmódromo de Vostochni Vladimir Putin xunto a Alexandr Lukashenko nunha visita ao cosmódromo de Vostochni

O xefe do Kremlin sinalou ademais que o choque "coas forzas antirrusas" xurdidas en Ucraína era inevitable e que só era unha cuestión de tempo. "Comezaron a converter a Ucraína nunha praza de armas antirrusa comezaron a cultivar os brotes de nacionalismo e neonazismo que había fai tempo", afirmou.

"É imposible illar Rusia no mundo moderno"

En canto ás sancións impostas ao seu país, Vladimir Putin, asegurou que é "imposible" illar no mundo moderno Rusia e que traballarán con aqueles socios que aínda o apoian.

"Non nos imos illar. No mundo moderno non hai maneira de illar estritamente a alguén e é completamente imposible a un país tan grande como Rusia", sinalou.

"Así que traballaremos con aqueles socios que queiran interactuar" aínda con Rusia, sinalou o xefe do Kremlin.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade