Prenden tres persoas nun novo golpe en Vigo á venda de drogas polo miúdo
A policía comisou na operación heroína, cocaína e marihuana, amais de varias armas
A Policía Nacional desarticulou un grupo organizado que se dedicaba a venda de drogas polo miúdo en Vigo e incautouse de 100 gramos de heroína nunha operación con tres detidos, entre eles, o presunto xefe.
As investigacións, segundo informa a propia Policía Nacional, comezaron fai aproximadamente tres meses cando os axentes da Unidade de Drogas e Crime Organizado (Udyco) detectaron movementos de substancias estupefacientes en Vigo e lograron identificar as tres persoas que conformaban un grupo "perfectamente organizado".
Ofrecían os seus servizos de venda de droga tanto aos que se achegaban ás inmediacións do domicilio situado na rúa Ramón Nieto como desprazándose a distintos puntos da cidade para realizar as entregas.
Un dos investigados é un mozo da contorna da Praza de Portugal que provía desde alí a droga aos seus vendedores e que se desprazaba nun patinete eléctrico para evitar posibles seguimentos, tanto policiais como doutras organizacións rivais.
Ese home, lembra a Policía, fora vítima dun envorco de droga -roubo de estupefacientes-, no que recibiu unha brutal malleira, o que lle levou a reforzar as súas medidas de autodefensa e a levar consigo armas brancas e un puño americano.
Este xoves, durante o operativo, rexistráronse simultaneamente os domicilios dos principais investigados, en que se incautaron de 350 gramos de marihuana, 6 gramos de cocaína, máis de 30.000 euros en efectivo, un puño americano, coitelos e outras armas brancas, unha báscula de precisión e outros útiles empregados para a manipulación da droga.
Ademais, durante a intervención na vivenda da Praza de Portugal, o agora arrestado lanzou pola xanela unha rocha de heroína de aproximadamente uns 100 gramos de peso, que foi detectada grazas ao control perimetral policial.
A operación continúa aberta á espera de que poidan producirse novas detencións.
Con este golpe polo miúdo, o segundo en Vigo en menos dun mes, a Policía dá por desmantelado un dos principais puntos negros de venda de droga na rúa Ramón Nieto, onde se atopaba unha das vivendas que se rexistraron.