Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pontón pon como aval o traballo dos gobernos municipais do BNG

Pontón pon como aval o traballo dos gobernos municipais do BNG

Amósase convencida de que a formación "vai ser a forza que máis suba" nos vindeiros comicios municipais

G24.gal 14/01/2023 17:27

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este sábado os vindeiros comicios municipais como "unha oportunidade" para "ampliar e asentar" o proxecto nacionalista.

"Para conseguilo é necesario facer os deberes e facelos ben, con previsión e con organización, con xenerosidade e con amplitude de miras. As municipais son unha magnífica oportunidade para agrandar a base social do BNG, incrementar a nosa presenza no territorio, integrar persoas e colectivos para seguir construíndo, con intelixencia e con humildade, a gran casa común do amor a Galicia e da defensa dos seus intereses que é o BNG", argumentou. 

Nunha xornada en Ames con representantes municipais sobre propostas en relación ao cambio climático e á xestión de residuos, a líder nacionalista asegurou que o BNG "sabe gobernar" e, desde os concellos, demostra "a eficacia, a solvencia e a capacidade para mellorar a vida das persoas".

"Ese é o mellor aval co que podemos presentarnos ante a cidadanía nas eleccións municipais", defendeu.  

Segundo dixo, o vindeiro 28 de maio sairán "a por todas" e "sen pórse límites" porque, proclamou, serán a forza política "que máis suba" e que aumentará "máis alcaldías, máis concelleiros e máis concelleiras".  

Ana Pontón tamén fixo referencia á situación actual dos prezos e, neste sentido, criticou que a Xunta sexa "insensible aos problemas da xente do común" e estea "instalada na rutina, sen proxecto e sen impulso político, incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar Galicia adiante".  

Asegurou que o Bloque "seguirá presentando alternativas viables" para unha saída "galega e xusta á crise", con medidas como a recuperación da tarxeta básica, a tarifa eléctrica galega ou propostas para facerlle fronte ao incremento de prezos do alugueiro e das hipotecas.  

"Somos conscientes das dificultades e dos grandes desafíos, pero nunca coma agora tivemos tan claro que o noso país necesita un cambio de rumbo. Desde o BNG imos seguir traballando con rigor, con coherencia, con humildade, sabendo que somos a esperanza de moitos galegos para construír outra Galicia posible, concello a concello", insistiu.

Xestión de residuos   

Pontón defendeu que o BNG ten unha proposta alternativa de goberno que se observa nunha cuestión como a xestión dos residuos e a loita contra o cambio climático.  

Neste sentido, reivindicou o modelo de compostaxe individual e colectivo que permite reciclar "unha parte cada vez maior dos residuos orgánicos". Un modelo que, asegurou, está "nas antípodas do que executa o PP desde a Xunta da man de Sogama".  

"Nos últimos doce anos, o único que fixo o executivo do PP e Sogama foi incumprir o seu propio plan de residuos e a práctica totalidade da normativa en vigor. Resultado: non se avanzou na separación, non se avanzou na compostaxe e, por encima, obstaculizan as iniciativas que executan os concellos do BNG que traballan nun modelo alternativo e de futuro", criticou.  

Insistiu en que o modelo do BNG ten como base "minimizar, separar e reciclar" e puxo como exemplo o posto en marcha no 2015 polos nacionalistas na Deputación de Pontevedra baixo o nome de Plan Revitaliza.  

A esta iniciativa, continuou, adheríronse "47 concellos dos 61 que ten a provincia", que contan "cunha eficacia no tratamento de residuos única no Estado".

"O nivel medio de separación de residuos é do 30 %, case tres veces máis que a media galega do 11 %", explicou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade