Publicador de contidos

Publicador de contidos

Paula Prado, PPdeG: "O gran selo da nosa identidade é a unidade"

Paula Prado, PPdeG: "O gran selo da nosa identidade é a unidade"

A nova secretaria xeral do PPdeG afirmou que o PP é unha alternativa a gobernos municipais que non están facendo absolutamente nada

Prado agarda que Sánchez reciba ao presidente da Xunta e así lle poida transmitir todas as cousas  prioritarias e importantes para Galicia que non poden esperar

G24.gal 30/05/2022 11:25

A nova secretaria xeral do PP de Galicia Paula Prado estivo esta mañá no informativo Bos días da Televisión de Galicia,l onde manifestou que o seu estilo é coñecido e que non é nova "nisto" porque xa fora voceira do partido e exerce como deputada na cámara galega. Afirmou que no debate pode ser dura pero que lle gusta chegar a consensos e acordos coa oposición. 

"A pesar de que temos a maioría absoluta é fundamental que en determinadas cuestións lancemos unha mensaxe de unidade", afirmou Prado.

A secretaria xeral do PPdeG fíxose eco da agresión machista ocorrida esta madrugada en Carballo e manifestou que "é unha nova moi dura". Desexoulle unha pronta recuperación á agredida e condenou calquera ataque de violencia de xénero. 

Como voceira de Igualdade manifestou que lle gusta chegar a acordos no Parlamento e que non foi ata o 2017 cando conseguiu a unanimidade da Cámara para mandar ao Senado unha proposta de todos os grupos no pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Predecesora de Miguel Tellado

O anterior secretario xeral Miguel Tellado xa manifestara que lle gustaría que fora unha muller quen o substituíse. Prado manifestou que saíra nos medios de comunicación e que podía pensar que si o ía ser. Quixo lembrar como llo pediu Rueda tras chamala ao seu despacho: "Quero que sexas a secretaria xeral do partido, ou coñeces alguén que o poida facer mellor?".

En canto ao seu novo posto, afirmou que os recursos humanos son a parte máis importante, por iso é  fundamental que as persoas se sintan cómodas, respectadas e  valoradas. Destacou que son unha organización moi grande e con moitas sensibilidades. 

"Man esquerda, sempre, e firmeza cando haxa que tela. É fundamental que o partido estea unido, ese é o gran selo da nosa identidade, a unidade", afirmou Prado.

Estabilidade

Afirmou que o PP é un partido de goberno e que cando se está gobernando o que se lle ofrece á cidadanía é estabilidade. Cre que se o partido non está unido non se pode mandar unha mensaxe de estabilidade á sociedade. Destacou que no Partido Popular se está a facer un traballo exemplar, sobre todo nese proceso de transición en que algúns agardaban que podería haber algunha fisura.

Agrupacións locais

O PPdeG ten a vista posta nas eleccións municipais de 2023 e Prado afirmou que, en canto ás listas, nas grandes cidades están á espera de facer procesos congresuais e cre que antes do verán estarán pechadas cos mellores equipos e candidatos. Afirmou que xa teñen parte do traballo orgánico feito. 

"Somos unha alternativa a gobernos municipais que non están facendo absolutamente nada. Moitos, sen facer, ao final  non teñen desgaste", afirmou Prado e nese sentido referiuse ao alcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo. Di que o único que fai é manter a axenda da Xunta, que non ten axenda propia e que así non se sofre ningún desgaste, por iso cre que son unha alternativa a esa parálise.

En canto ás vilas e lugares pequenos, Prado dixo que en moitos están gobernando e noutros quedaron a moi poucos votos de gañar a alcaldía. A secretaria xeral do PPdeG manifestou: "A nós non nos chega con ser a forza máis votada, nós temos que ter a maioría absoluta".

Prado cre que a praza máis complicada é Vigo porque o alcalde ten un apoio maioritario. Cre que iso foi porque logrou lanzar unha mensaxe que calou entre a cidadanía, que foi a de que a Xunta os maltrata. Pensa que nese vitimismo os cidadáns se poñen dese lado. Paula Prado quixo facer un repaso dos grandes investimentos millonarios que a Xunta de Galicia realizou na cidade viguesa, como o hospital Álvaro Cunqueiro ou a Cidade da Xustiza.

Sobre o perfil da candidata ao concello de Vigo, non quixo confirmar a ninguén e dixo que Marta Fernández-Tapias gañou un congreso e sería unha magnífica candidata. Loou o traballo que a delegada da Xunta está facendo na cidade e destacou: "Estou segura de que se é candidata vai acadar un magnífico resultado en Vigo".

Carreira de fondo

Sobre o caso Pokemon, Paula Prado di que foi unha inxustiza moi grande que a afectou a ela, á súa familia e a moitos políticos dese momento.  Sobre Pilar de Lara, dixo que era unha xuíza que tiña abertas sete macrocausas e todas foron arquivadas e que só houbo un condenado, o señor Liñares. Cre que a cidadanía ten que facer unha lectura diso, que os xuízos mediáticos son prexudiciais. 

"Fomos moitos os políticos sinalados, cando en realidade non había nada. A xustiza ten que facerse nos xulgados e por quen ten unha toga, non polos medios nin as redes sociais, porque levan a falsos xuízos", destacou.

Parlamento

En canto á relación que ten con Ana Pontón ou con Valentín González Formoso, Prado afirmou que no BNG ten máis relación con Olalla Rodil porque as dúas comparten vicevoceirías no Parlamento de Galicia e que o líder dos socialistas galegos é unha persoa afable, pero como Pontón, non ten un proxecto clave para Galicia.

Prado rematou a entrevista manifestando que os dous líderes da oposición van ser recibidos por Rueda e que agarda que Sánchez reciba o presidente da Xunta e así este lle poida transmitir todas as cousas  prioritarias e importantes para Galicia que non poden esperar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos