Paula Alvarellos convértese este xoves na nova alcaldesa de Lugo
Paula Alvarellos convértese este xoves na nova alcaldesa de Lugo
Fontes do partido na cidade indicaron que o proceso de designación se realizou de xeito democrático e consensuado
En Lugo despexouse a incógnita de quen ocupará a alcaldía. Será a socialista Paula Alvarellos, que vai substituír a Lara Méndez despois de que optara por dimitir e acompañar a Besteiro nas listas do PSOE por Lugo para as eleccións autonómicas.
Alvarellos converterase na nova rexedora nun pleno extraordinario que se vai celebrar no concello de Lugo o xoves vindeiro, 18 de xaneiro.
A súa opción impúxose á doutro concelleiro socialista, Miguel Fernández, que pasará a converterse como compensación no novo responsable de Vías e Obras na Deputación luguesa.
Fontes dos socialistas lugueses indicaron que o proceso de designación se realizou de xeito democrático e consensuado.
Paula Alvarellos naceu en Ponteceso en 1963 e accedeu ao consistorio lugués por primeira vez como edil nas listas do PSOE nas penúltimas eleccións municipais, celebradas en 2019.
Durante anos exerceu a profesión de avogada e tamén foi integrante do Consello Social da USC, un posto ao que chegara da man de Xosé Ramón Gómez Besteiro.