Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pardo de Vera pide non meter "présa" coa homologación dos Avril: "Son probas moi delicadas"

Pardo de Vera pide non meter "présa" coa homologación dos Avril: "Son probas moi delicadas"

A secretaria de Estado de Transportes di que "non temos agora máis reto que ter os Avril", porque supoñerán “a reconfiguración de todos os tráficos, non só en Galicia, senón en España"

Aclara que todos os trens están fabricados e que as probas "están a ir ben"

G24.gal 13/01/2023 14:00

A número dous do Ministerio de Transportes, a secretaria de Estado, Isabel Pardo de Vera, di que non pode comprometer unha data para a chegada a Galicia dos trens Avril.

Pardo de Vera explicou que o proceso de homologación é moi complexo porque se prima a seguridade nos trens, que alcanzarán os 330 quilómetros por hora. Asegurou que todos os trens Avril encargados por Renfe "están fabricados", pero que "está realizando probas" e non se lle pode meter "présa" a esa fase de homologación.

“Non podo meter presión sobre o período de homologación dun prototipo, tremendamente complexo e moi innovador, cuns sistemas de guiado que ata o de agora non existen”, insistiu en declaracións aos medios durante unha visita institucional ao municipio de Foz, na que estivo acompañada polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones para supervisar as obras de mellora da Nacional 642, que une Ribadeo con Cervo. 

“Esas probas son moi delicadas” e hai que facer “moitos quilómetros de percorrido”, aclarou, porque “estamos a falar de material de rodadura que se despraza a 300 quilómetros por hora”.

“Prodúcense incidencias, probas son, esa é a palabra”, recoñeceu a secretaria de Estado, pero tamén aclarou que “están a ir ben”. Tamén expresou a súa confianza en que estean listos para o verán ou para inicios do outono.

Explicou que “o método de homologación está perfectamente regulado polas normativas europeas. É moi exhaustivo, moi preciso. Non se poden solapar probas. Hai que facelas de forma secuencial para que non haxa folgura de riscos”.

Desde o seu punto de vista, “onde había que darse présa” era na “xestión do contrato e na fabricación”, pero nese momento, polo ano 2016, “saíu un prego de Renfe, un prego con determinadas indefinicións”, e foi “un contrato moi difícil de xestionar”. “Vía que non empezabamos a fabricar”, apostilou.

“Aí é onde había que darse présa”, insistiu, “non que me pidan présa a min na homologación e nas probas”, porque “serei totalmente honesta e direino”.

Neste momento, precisou, “non temos agora máis reto que ter os Avril”, porque a súa entrada en servizo supoñerá “a reconfiguración de todos os tráficos, non só en Galicia, senón en España”.

“Con moito material pódese facer. Está Estremadura case sen trens, non podemos chegar a Almería. Temos unha carencia de material rodante tremenda, agora que as infraestruturas están”, afirmou.

“Son a primeira en empuxar, empuxar e empuxar. Oxalá estivesen xa, porque no contrato dicía que en 2020 estarían entregados os trens Avril, e non os temos”, concluíu. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade