Os veciños de Calo opóñense á reapertura da pirotecnia que estoupou no 2006
Os veciños de Calo opóñense á reapertura da pirotecnia que estoupou no 2006
Piden que se retome a actividade lonxe de núcleos habitados
Na parroquia de Calo, no concello de Teo, os veciños están preocupados porque unha empresa pirotécnica en que houbo unha explosión en 2006 e leva paralizada desde entón, solicitou retomar a actividade nas mesmas instalacións. Temen que se repita un suceso semellante.
Son imaxes que teñen gardadas na retina os veciños de Solláns, en Teo, e que lles veñen á cabeza cando se menciona a pirotecnia de Calo. Un 14 de febreiro de 2006 unha explosión nas instalacións causou danos en 40 vivendas nun radio de 300 metros.
"Non se esquece. Ás 6 da mañá dun luns en que tivemos que abandonar as casas, saír á estrada e correr porque era un desastre o que estaba rebentando" di unha veciña.
A pirotecnia cesou a actividade na zona desde entón, pero agora solicitou retomala nos mesmos termos, con permiso para almacenar 5 quilos de explosivos. Os veciños non se fían e opóñense porque en 2006 estouraran 250 quilos.
Cren que a empresa debería buscar outra localización para desenvolver a súa actividade lonxe de núcleos habitados.