Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os transportistas prevén paro masivo en Galicia a partir do 20 de decembro

Os transportistas prevén paro masivo en Galicia a partir do 20 de decembro

Rexeitan a euroviñeta e piden negociar co Goberno un canon polo uso das autoestradas

Propóñenlle ao Estado que deseñe unha ferramenta de control para evitar intrusismo e prácticas abusivas no sector

G24.gal 03/12/2021 11:31

Co paro previsto no sector do Transporte nas datas previas ao Nadal, na Radio Galega falamos co presidente da Federación de Transportes de Mercadorías por Estrada, Antonio Señarís, quen repasou canda nós o punto en que se atopan as negociacións co Goberno e as principais reivindicacións do sector.

Sobre o paquete de medidas presentado polo Ministerio o xoves 2 de decembro, aclara Señarís que lonxe de mellorar a situación, o único que fai é favorecer ós cargadores, pero non atende as necesidades dos transportistas, que están "nas últimas", apuntou.

De saír adiante esta folga, afirma, o seguimento podería ser masivo porque levan moitos meses asumindo custos á alza, como acontece co combustible, e iso non llo poden repercutir aos clientes nos servizos. Neste momento, tal e como están as cousas, prefiren seguir parados que traballar a perdas. 

Principais demandas

Por unha parte, o Goberno, en lugar de atender a reivindicación do sector, que pide regular por lei a carga e descarga dos camións, en manter o pacto expreso en contra, o Ministerio achega unha cláusula pola que se tería que negociar esa carga e descarga co cliente, 24 horas antes do servizo.

Esa cláusula é inviable para os transportistas, porque a forza que exercen os grandes operadores en España, non permite ese tempo de negociación, matiza e pon un exemplo:

"Unha fabrica que teña contratado un operador loxístico con 500 camións diarios, eses camións son autónomos e micropemes, e quen negocia a carga e descarga é o operador, non o transportista".

Xestionar esa negociación é practicamente imposible porque, para optimizar as viaxes, aclara, moitas veces estanse collendo cargas ás poucas horas de rematar unha descarga, co que non hai marxe de negociar. 

Tampouco están de acordo coa incorporación da euroviñeta como método de cobro aos transportistas polo uso das autovías, algo que o Goberno tería intención de introducir no primeiro trimestre do ano 2022. Neste sentido, argumenta o presidente de FETRAMP, os transportistas xa depositan ao ano máis de 19.000 millóns de € en impostos e non se sabe onde os inviste o Goberno, porque neste momento hai estradas moi deficitarias.

Neste punto piden unha mesa de consenso na que se poda acordar co sector un pago polo uso das autovías e que as estradas estean en condicións para circular. 

Critican ademais, que, á volta do ano, o Goberno teña xa preparadas as mesas de traballo para poñer en marcha esas peaxes para o transporte, pero non para negociar a precariedade laboral á que se ven sometidos os traballadores (moitas horas de traballo, longos desprazamentos, baixos salarios...), que está a repercutir na falla de remuda xeracional no colectivo. 

Insisten na prohibición da carga e descarga, por lei, pero tamén que se reduza a cantidade de tempo de espera nos almacéns, ás veces ata oito horas, o que repercute na rendibilidade das viaxes.

Renovación de frota

Tampouco lles gusta o Real Decreto para a renovación da flota que propón o Goberno. O 90 por cento do transporte queda fora dos 400 millóns en axudas que propón o Goberno porque van dirixidas a vehículos que empreguen como combustible o hidróxeno ou eléctricos, e non serven para longos traxectos.

Remarca Señarís que eses vehículos para o transporte nacional deberían levar unha parte de combustible fósil, gasolina ou gasóleo, o único que proporciona a potencia suficiente para levar a carga.

"Nós dependemos moito da orografía... e o gas non che proporciona potencia. Se non tes potencia suficiente, non che serve de nada o vehículo".

Control de mercado

O colectivo ve necesaria unha ferramenta de control do mercado do transporte por parte do Estado, porque se trata dun sector moi atomizado, ameazado polo intrusismo de empresas fóra do país, que tiran os prezos e operan á marxe de normativas, convenios, e sen pagar impostos no país. 

 

As empresas de transporte denuncian que o aumento dos prezos dos combustibles do último ano púxoos nunha situación complicada. Temen que a revisión das bonificacións supoña a eliminación do gasóleo profesional. Unha inquedanza máis que se une ás súas reclamacións para desconvocar a folga do transporte en decembro.

Dende Fegatratramer apuntan que os cambios suporían pagar uns 15 céntimos máis por litro de combustible, unha cantidade que a Cooperativa Trasnpuerto considera inasumible.

Manteñen que hai empresas e autónomos que están ao límite, polo que reclaman unha proposta máis completa do Ministerio para retomar as negociacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade