Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os principais investigados da operación Carioca poderán evitar o cárcere tras un acordo coa acusación

Os principais investigados da operación Carioca poderán evitar o cárcere tras un acordo coa acusación

A Fiscalía pide máis de 500 anos de prisión para os acusados 

O xuízo comeza mañá na Audiencia Provincial de Lugo

G24.gal 29/11/2021 10:49

Defensa e acusación da coñecida como operación Carioca, unha suposta trama de prostitución na provincia de Lugo, chegaron a un principio de acordo que permitiría unha rebaixa da pena para tres dos principais acusados, para os que a Fiscalía pide máis de 500 anos de cárcere.

O xuízo comeza mañá na Audiencia Provincial de Lugo por delitos contra os dereitos de cidadáns estranxeiros e dos traballadores, prostitución, ameazas, tenza ilícita de armas e contra a saúde pública.

A operación Carioca foi unha das macrocausas instruídas pola xuíza Pilar de Lara cando estaba á fronte do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo. Todo parece indicar que a vista oral será breve, porque defensa e acusación chegaron a un principio de acordo que permitirá unha rebaixa da pena de cárcere para tres dos principais investigados, dous homes e unha muller.

O avogado Cándido Conde Pumpido, encargado da defensa de  J. M. P, informou de que ese acordo afectaría o seu cliente, ao suposto xefe da rede,  J. M. G.A. -os dous socios responsables de dous clubs de alterne en Lugo-, e unha terceira investigada, que supostamente colaboraba con eles para localizar mulleres brasileiras en situación vulnerable.

Ese principio de acordo, negociado hai algunhas semanas no transcurso dunha "vista de conformidade", explicou o letrado, contempla que os investigados admitan a súa "culpabilidade en varios delitos", pero a cambio dunha rebaixa nesa pena que pedía inicialmente o fiscal para cada un deles.

No caso de  J. M. G.A., precisou que xa alcanzou os vinte anos de condena que establece como máximo a lexislación -foi condenado por outros delitos-, de modo que aceptar esta pena non lle suporía estar máis tempo no cárcere.

Con respecto ao seu cliente, aclarou que, se se confirma o acordo, "non tería que volver entrar en prisión", porque "cumpriu xa o que en teoría sería a máxima extensión da pena" co tempo que permaneceu no cárcere.

A pena da terceira investigada quedaría suspendida, de modo que tampouco tería que ingresar en prisión. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade