Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os prezos subiron o 8,7 % en maio

Os prezos subiron o 8,7 % en maio

O Goberno ábrese a aprobar novas axudas

Os sindicatos piden subas salariais e os empresarios rexeitan ligalas ao IPC

Antón Montero 10/06/2022 19:54 Última actualización 10/06/2022 20:11

O un de abril aprobábase a axuda de 20 céntimos por litro de combustible. Desde entón, o carburante xa subiu 23. É o exemplo máis palmario dunha inflación desatada.

Os prezos son hoxe un 8,7 % máis altos que en maio de 2021, empurrados sobre todo polos incrementos nos carburantes e nos alimentos. Por exemplo, o aceite de oliva subiu un 36 %; a pasta, un 28; e os ovos, un 25 %.

E o encarecemento da vida xa se está trasladadando aos produtos menos volátiles: é o que se chama a inflación subxacente. Subiu un 4,9 %.

Mari Cruz Vicente, secretaria de Acción Sindical e Emprego de CCOO, cre que "iso demostra que os empresarios, para manter a súa marxe de beneficios, están subindo os prezos. Iso non pode continuar".

Pepe Álvarez, secretario xeral da UXT, di que "eses prezos non os soben en proporción ao que soben as materias primas. É máis: eses prezos viñeron para quedar. Non hai ningunha razón obxectiva para que non suban os salarios".

A esa suba salarial non se opón a patronal, pero di que en ningún caso pode ir parella ao IPC nin aplicarse en todos os sectores por igual.

Antonio Garamendi, presidente da CEOE, asegura que "non estamos dicindo que non. Estamos dicindo que sexamos realistas. As que están sufrindo de verdade a inflación son as empresas".

O líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo ve inxustificable que o Goberno non tome medidas ante unha inflación disparada. O executivo di que xa o fixeron e non desbotan ir máis aló.

Nadia Calviño, vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos, explicou que "tomamos medidas importantes que están baixando os prezos entre dous e tres puntos. Imos ver se é necesario tomar medidas complementarias ou axustalas".

Galicia foi a terceira comunidade na que máis subiron os prezos, un 9,6 %, case un punto máis ca a media nacional.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade