Publicador de contidos

Publicador de contidos

Orzamentos 2023: cheque crianza, pensións revalorizadas e máis gasto en defensa

G24.gal 04/10/2022 14:47 Última actualización 04/10/2022 20:23

Os terceiros presupostos do Goberno de coalición incorporan o maior gasto social e investimento produtivo.

Na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, María Jesús Montero resumíaas coma "unhas contas que ofrecen seguridade e estabilidade para as familias españolas, e mandan unha mensaxe ao exterior sobre a solvencia da nosa economía. É dicir, prudencia, responsabilidade, xustiza social e eficiencia económica".

Axudas ás familias

As principais novidades son unha axuda universal de 100 euros para nais con fillos de cero a tres anos, que ata agora estaba limitada a nais traballadoras. A partir do ano amplíase a nais que cotizasen un mes ou recibisen unha prestación contributiva ou asistencial.

O acordo contempla a tramitación urxente dunha lei de familias, que asimilará as familias monomarentais de dous fillos á categoría de numerosas e incluirá novos permisos de conciliación.

Aínda que a ministra de Facenda non detallou a letra pequena da futura lei, entre eses permisos haberá un novo de oito semanas para os proxenitores ata que os fillos fagan os 8 anos. Tamén se inclúe un permiso de sete días ao ano para que cada traballador poida coidar de familiares ou conviventes.

Prestacións e pensións

O Goberno sobe o IPREM, o indicador co que se calculan as prestacións sociais, as pensións non contributivas e o Ingreso Mínimo Vital, que alcanzará os 600 euros mensuais. A prestación por desemprego a partir do sétimo mes volverá ser o 60 por cento da base reguladora.

O Ministerio de Facenda calcula que a suba de pensións do próximo ano rozará o 8,5 %, unha cifra que se concretará coa inflación de novembro, e María Jesús Montero tamén anunciou que se dotará o Fondo de Reserva por primeira vez en trece anos.

As contas tamén inclúen un plan de choque de 620 millóns para dependencia. Amais, recollen a xa anunciada suba do soldo dos funcionarios.

Lei de vivenda e gasto en Defensa, puntos de fricción na coalición

Quedan fóra dos presupostos a lei de vivenda, atascada no trámite parlamentario, que Unidas Podemos quería completar.

O socio minoritario do executivo tampouco conseguiu o seu obxectivo de frear o aumento do gasto en defensa: as contas contemplan unha suba do 6,5 % nesta partida. Esa cifra, segundo explicou Montero, increméntase ao 8,4 % se se inclúen os fondos europeos á que se engadirían 4.900 millóns de euros dos programas de modernización, a maioría destinados a contratos coa industria española do sector. 

Deste xeito as políticas de defensa incluirán 12.317 millóns máis en 2023, unha suba do 25,8 %.

Gasto en sanidade e educación

Os orzamentos contemplan un incremento do gasto educativo do 6,6 %, ata os 5.354 millóns, e do 6,7 % no gasto sanitario.

Dentro do gasto en educación o Goberno destaca unha partida para bolsas de 400 millóns e outros 300 para o programa 'Escuela 4.0', para achegar a tecnoloxía ao ámbito educativo.

Respecto á sanidade, haberá 173 millóns máis para a atención primaria e 500 para infraestruturas da rede de primaria e de saúde mental.

Ademais haberá 50 millóns para crear 1.000 prazas novas no primeiro curso de Medicina.

Crecemento do 2,1 % do PIB

O Goberno rebaixa seis décimas a previsión de crecemento para o próximo ano, ata o 2,1 %, debido principalmente á elevada incerteza, que vén marcada pola alta taxa de inflación e un contexto internacional de crise enerxética.

Respecto ao emprego o Executivo estima que haberá 21 millóns de persoas ocupadas a finais de 2023 e de que o próximo ano se peche cunha taxa de paro por baixo do 12 % (11,7 %).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos