Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os neurólogos aclaran que infectarse de mononucleose non é suficiente para padecer esclerose múltiple

Os neurólogos aclaran que infectarse de mononucleose non é suficiente para padecer esclerose múltiple

Un estudo realizado pola Universidade de Harvard asegura que o virus que provoca a enfermidade do bico é a causa principal desta enfermidade dexenerativa

José María Prieto, xefe do servizo de Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago
G24.gal 17/01/2022 11:26

A revista 'Science' publicou hai uns días un estudo realizado por investigadores da Universidade de Harvard que relacionaba o virus Epstein-Barr -causante da mononucleose- como a causa principal da esclerose múltiple. 

O xefe do servizo de Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, José María Prieto, salienta a importancia deste estudo pero aclara: aínda que a mononucleose ten un papel importante no desenvolvemento da enfermidade débese dar unha combinación de factores para padecela, como a predisposición xenética ou factores de tipo ambiental. Explicábao no 'Galicia por diante' da Radio Galega.

"O estudo corrobora que o virus de Epstein-Barr ten un papel no desenvolvemento da enfermidade, pero non é unha condición suficiente para padecer a enfermidade estar en contacto con este virus".

Segundo o doutor Prieto, se a mononucleose desembocase sempre en esclerose múltiple, o número de afectados por esta enfermidade dexenerativa sería moi superior ao actual.

Estímase que tres millóns de persoas en todo o mundo -cincuenta mil delas en España- padecen na actualidade esclerose múltiple.

A día de hoxe, a esclerose múltiple non ten cura, pero os tratamentos permítenlles aos pacientes afrontar a enfermidade con maior calidade de vida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade