Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os letrados asinan o acordo con Xustiza que lle pon fin a máis de dous meses de folga

Os letrados asinan o acordo con Xustiza que lle pon fin a máis de dous meses de folga

Acordan un incremento de ata 450 euros ao mes para compensar a carga de traballo adicional

Os sindicatos ameazan con medidas de presión se as subas salariais non se estenden a toda a Administración de xustiza

Os letrados estiman que se precisan oito meses para recuperar o suspendido pola folga

G24.gal 28/03/2023 15:03

Os letrados da Administración de Xustiza puxéronlle fin á folga tras asinar o acordo co ministerio. A proposta da Administración contempla unha suba salarial de ata 450 euros mensuais para compensar o aumento de carga de traballo que estes funcionarios asumiron nos últimos anos.

O 76 por cento dos letrados amosáronse a favor do acordo, que lles pon fin a máis de dous meses de folga, en que se suspenderon 356.000 xuízos e se paralizaron 1.280 millóns de euros nas contas de consignacións.

Dende o equipo negociador dos letrados aseguran que teñen "unha sensación agridoce, porque para chega a este acordo as dúas partes tivemos que renunciar a aspectos importantes, pero era o que procedía facer nestes momentos".

Mediante este acordo, cuxa condición 'sine qua non' é a desconvocatoria inmediata da folga, os letrados desisten da reivindicación da que fixeron a súa bandeira durante estes máis de dous meses de paro, a chamada cláusula de enganche, pola que pedían que o seu soldo vísese referenciado ao de xuíces e fiscais para non cobrar nunca menos do 85 % respecto a estes dous operadores xurídicos.

A cambio, realizarase unha subida paulatina de entre 430 e 450 euros brutos mensuais, dependendo dos diferentes niveis e funcións.

Este aumento empezarase a percibir cando se modifiquen os dous reais decretos que regulan as retribucións dos letrados, cuxa publicación no BOE se prevé para o próximo mes de xullo.

Entón, os funcionarios comezarán a recibir nas súas nóminas entre 172 e 180 euros mensuais máis, o 40 % da subida total, que se aplicará con carácter retroactivo desde xaneiro de 2023.En xaneiro de 2024 aumentaráselles outro 40 %, e o 20 % restante, a partir de xullo do devandito ano.

O texto tampouco recolle outra das peticións dos letrados, que queda "pendente": a redución dos grupos de poboación para que funcionarios de municipios pequenos non cobren menos que os daqueles máis grandes.

Tras coñecerse a noticia, a Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) e Comisións Obreiras (CCOO) esixiron que a subida salarial se estenda a todos os corpos da Administración de Xustiza.

Para iso, CSIF non descarta "ningunha medida de presión" e CCOO xa expuxo o luns aos traballadores do sector iniciar "contundentes mobilizacións", incluída unha folga.

Os últimos datos facilitados polos letrados cifran o impacto do paro en máis de 400.000 xuízos suspendidos, 480.000 demandas pendentes de repartición e 1.500 millóns de euros parados nas contas de consignacións dos xulgados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade