Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os familiares do Villa de Pitanxo reúnense cos responsables canadenses do rescate do barco

Os familiares do Villa de Pitanxo reúnense cos responsables canadenses do rescate do barco

As familias agardan que as autoridades do Canadá acheguen novos detalles do naufraxio

 Piden unha entrevista coa ministra de Transportes e teñen previstas xuntanzas en Bruxelas e na Axencia Europea de Seguridade Marítima 

G24.gal 07/07/2022 10:04 Última actualización 07/07/2022 17:43

Os familiares das vítimas do Villa de Pitanxo participan este xoves pola tarde nunha videoconferencia desde a embaixada do Canadá en Madrid cos responsables de salvamento marítimo do porto canadense de Halifax que coordinaron os labores de rescate. 

Nunha entrevista na Radio Galega, a portavoz dos familiares María José de Pazo asegurou que neste encontro cos técnicos canadenses esperan coñecer máis detalles do que aconteceu nas augas de Terra Nova hai case cinco meses.

"Esperamos obter información de como foi o naufraxio e como se rescataron os corpos, porque case cinco meses despois non nos dixeron nada".

De Pazo denuncia que do goberno español só recibiron ata agora explicacións vagas e xerais do naufraxio.

"O ministro Planas recoñeceu o que estamos dicindo as familias: que despois de cinco meses ninguén do goberno deu o mandado de medir a profundidade en que está o barco".

Os familiares insisten en que un recoñecemento visual podería achegar máis datos sobre as causas do naufraxio. Pero cren que o goberno non ten vontade de poñer en marcha o operativo.  

"Hoxe todo o mundo sabe que hai tecnoloxía dabondo para medir isto de forma clara e sinxela. Non se pode estar cinco meses avaliando unha operativa sen nin sequera dar o paso previo para dicir se se pode baixar ao barco".

María José Pazo adiantou que os familiares rexistraron onte no ministerio de Transportes unha solicitude de entrevista coa ministra Raquel Sánchez como responsable de Mariña Mercante e teñen previsto novas reunións en Bruxelas e Lisboa coas autoridades europeas de Salvamento Marítimo.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade