Publicador de contidos

Publicador de contidos

As familias do Villa de Pitanxo non entenden que a armadora se presente como prexudicada

As familias do Villa de Pitanxo non entenden que a armadora se presente como prexudicada

O vindeiro 31 de maio están chamados a declarar os tres superviventes: o patrón como investigado e os outros dous mariñeiros como testemuñas

Reuníronse esta mañá co alcalde de Vigo, quen lles transmitiu o seu apoio

G24.gal 23/05/2022 12:15 Última actualización 23/05/2022 14:18

As 21 familias da tripulación do Villa de Pitanxo, que naufragou nas augas canadenses de Terra Nova, mostraron este luns en Vigo a súa perplexidade polo feito de que a armadora do pesqueiro, a empresa Nores, se vaia presentar no proceso xudicial aberto como prexudicada. As familias fixeron estas declaracións tras reunirse co alcalde Vigo, Abel Caballero.

"Non o entendo porque os prexudicados somos as 21 familias", asegurou a voceira dos familiares, María José de Pazos, quen indicou que están á espera de que os seus avogados recollan toda a información dispoñible despois de que o pasado venres a Audiencia Nacional chamase a declarar o patrón do Villa de Pitanxo como investigado e os outros dous superviventes como testemuñas, o próximo 31 de maio.

"Desde o sentimento", dixo a voceira das familias "rotas para sempre", o afundimento da Vila de Pitanxo "non foi un accidente marítimo calquera" e "hai indicios moi claros, dixo o maxistrado da Audiencia Nacional, de que hai imprudencia".

De Pazo subliñou que son as únicas persoas "que realmente queren saber a verdade e ter xustiza coas 21 familias, e o terceiro supervivente, Samuel Kwesi, que son os que din que se baixe ao barco".

"Algunha vez a empresa dixo publicamente que se baixe ao pesqueiro? Non, que eu saiba. Algunha vez dixeron os outros superviventes que se baixe? Polo que sei, non", engadiu.

Unha representación das familias das vítimas do pesqueiro Villa de Pitanxo acudiron ao Concello de Vigo para reunirse co alcalde, quen lles transmitiu que vai apoiar a moción de apoio a estes familiares no próximo pleno municipal, que será o mércores.

En caso de que a Audiencia Nacional aceptase que a casa armadora é parte prexudicada no caso, os seus avogados terían acceso a todos os informes e dilixencias, ao igual que as familias dos 21 falecidos, que tamén están presentadas na causa.

Mentres que o Supremo non decide que xulgado ten a competencia para investigar este naufraxio, a Audiencia Nacional é o tribunal con autoridade para instruír dilixencias. Tanto a empresa armadora como os seus avogados rexeitaron facer declaracións á Televisión de Galicia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade