Publicador de contidos

Publicador de contidos

Denuncian que Marrocos quere ocultar o sucedido en Melilla enterrando rapidamente os mortos

Denuncian que Marrocos quere ocultar o sucedido en Melilla enterrando rapidamente os mortos

Oficialmente, perderon a vida 23 persoas neste intento masivo de cruzar a fronteira cara a España

Máis dun cento de subsaharianos están agora illados no centro de estancia temporal de inmigrantes de Melilla

G24.gal 27/06/2022 08:25

Operarios do cemiterio situado ás aforas da localidade marroquí de Nador cavan tumbas para os migrantes mortos no paso fronteirizo de Melilla, segundo a Asociación de Dereitos Humanos que divulgou estas imaxes.

A oenegué denuncia que van ser enterrados sen autopsia nin investigación. Oficialmente, perderon a vida 23 persoas neste intento masivo de cruzar a fronteira cara a España ocorrido o venres. Pero outras fontes elevan a cifra a 37 falecidos, ademais de 332 feridos.

Máis dun cento de subsaharianos están agora illados no centro de estancia temporal de inmigrantes de Melilla. Son os que deron pasado a España, algúns xa tiveron asesoría legal. 

Hai testemuñas que aseguran que houbo devolucións en quente, que as forzas españolas mandaron de volta a Marrocos persoas que xa pasaran o valado. 

"Esta traxedia subliña por que precisamos camiños seguros, realistas e a longo prazo para minimizar as viaxes desesperadas", dixo en Twitter a comisaria europea de Interior. Johansson amosouse profundamente preocupada por estes acontecementos.

O domingo convocáronse protestas contra as políticas migratorias e en solidariedade coas vítimas en varias cidades españolas, ás que acudiron centos de persoas. 

Así, na manifestación de Madrid recrearon unha das imaxes do sucedido no paso fronteirizo entre Marrocos e Melilla que máis impactaron: a dos migrantes amoreados no chan baixo a custodia das forzas de seguridade. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade