Publicador de contidos

Publicador de contidos

Occidente urxe a Putin a falar de paz con Zelenski

Occidente urxe a Putin a falar de paz con Zelenski

As partes seguen afastadas mentres medra a escalada bélica no Donbás

Kíiv ve imposible poñer fin á guerra a través do diálogo

G24.gal 28/05/2022 20:40 Última actualización 28/05/2022 21:03

Putin recibiu a chamada conxunta de Macron e Scholz. Os presidentes de Francia e Alemaña esixíronlle o alto o fogo en Ucraína e que sente canto antes a falar de paz directamente con Zelenski. Desde o Kremlin aseguran que están dispostos a retomar as negociacións.

Kíiv advirte, porén, de que Rusia só negocia para a galería e que os seus acordos non valen un céntimo. Os negociadores ucraínos ven imposible poñerlle fin á guerra a través do diálogo.

Tres meses despois das primeiras negociacións, as posturas das partes permanecen afastadas, ao tempo que se incrementa a escalada bélica no Donbás. Os combatentes ucraínos recoñecen que o inimigo aumenta as súas forzas e medios día e noite nas dúas provincias do leste para rodealos.

Avance ruso

O avance ruso levou as tropas do país a pensar en retirarse da rexión de Luhansk, controlada xa nun 95 % polo Kremlin, para evitaren ser capturadas.

De momento, afirman que seguen defendendo posicións e que frearon a entrada dos rusos en Severodonetsk, o último dos seus bastións na zona. Con todo, no Instituto para Estudos da Guerra non cren que poidan manter o enclave moito tempo.

Moscova, pola súa parte, confirmou a toma de Limán, outro punto estratéxico -este na rexión de Donetsk-, como anunciaran este venres as milicias prorrusas. 

Situación difícil

Zelenski admite que a situación é moi difícil pero subliña que o Exército fai todo o que lle permiten os seus recursos actuais para defender o territorio, e proclama que o Donbás será ucraíno.

Ao tempo, Occidente busca vías de saída aos cereais ucraínos para evitar unha crise alimentaria mundial. Putin di que o bloqueo responde ás sancións impostas a Rusia pero que está disposto a poñerlle remedio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade