O Vilalbés ascende a Segunda Federación
Derrotou no partido de volta o La Calzada (0-3)
O gol dun Santi Gegunde pleno de fe foi o epílogo á mellor tarde da historia do Rácing Vilalbés. Os xogadores e os 300 afeccionados chairegos desprazados ata Santo Domingo de la Calzada misturáronse para celebrar un éxito sen precedentes nun club de máis de 90 anos de historia que o vindeiro agosto vai estrearse nunha categoría estatal.
Como fixera nas eliminatorias precedentes, o Vilalbés decidiu fóra da casa e con gol temperán. Conectaron dous homes que se coñecen á perfección. Asistiu Pablo Rey e definiu Marcos Álvarez. Era o minuto 8. No 27 chegou o mellor gol da tarde, o que xa puxo contra as cordas o La Calzada. Álex Pérez conectou un disparo desde fóra da área que achegou definitivamente o descenso.
Padeceu pouco o Vilalbés durante todo o partido, e cando o fixo apareceu un dos mellores porteiros da categoría, Álex Santomé. A festa foi vilalbesa, inagardada quizais ao inicio da temporada, pero un xusto premio ao traballo dunha entidade e dun equipo liderado por Simón Lamas. As cores verde e vermella son xa da Segunda Federación.