Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Supremo confirma condenas polos ERE e di que Griñán tiña "coñecemento da ilegalidade"

O Supremo confirma condenas polos ERE e di que Griñán tiña "coñecemento da ilegalidade"

A sentenza confirma as condenas aos expresidentes andaluces Manuel Chaves e José Antonio Griñán

Dúas maxistradas que emiten un voto particular din que o tribunal "dá un salto ao baleiro" por non haber "proba seria e sólida"

O ingreso en prisión de Griñán, en mans da Audiencia de Sevilla

G24.gal 14/09/2022 13:10 Última actualización 14/09/2022 14:50

O Tribunal Supremo asegura que o expresidente da Junta de Andalucía José Antonio Griñán tiña "coñecemento da ilegalidade" do criterio que se seguiu cos ERE á vez que destacou a súa "pasividade" ante o "malgasto e a arbitrariedade" coa que se concederon as axudas, segundo consta na sentenza de 1205 folios que se deu a coñecer este mércores e cuxo fallo fora adiantado o pasado 26 de xullo.  

Así, o alto tribunal confirmou a condena aos expresidentes da Junta de Andalucía Manuel Chaves e José Antonio Griñán polo uso irregular das subvencións autonómicas para os Expedientes de Regulación de Emprego (ERE).  

Na resolución, recollida por Europa Press, consta que se mantén a pena de 9 anos de inhabilitación por prevaricación para Chaves. Para Griñán, pola súa banda, confírmanse os 6 anos de cárcere por prevaricación e malversación, aínda que a súa familia xa presentou a petición de indulto ante o Ministerio de Xustiza.  

A decisión da Sala conta co voto particular discrepante das maxistradas Ana Ferrer e Susana Polo, quen considerou que se deberían estimar parcialmente os recursos presentados por Griñán, Miguel Ángel Serrano, Jesús María Rodríguez, Francisco Vallejo e Carmen Martínez, no sentido de ser absoltos polo delito continuado de malversación de fondos públicos.  

O tribunal, con todo, concluíu que Griñán "tiña un papel central na elaboración e aprobación das normas orzamentarias a consecuencia das competencias asignadas aos seus cargos". "É razoable presumir un alto nivel de coñecemento destas normas así como dos problemas que puidesen suscitarse na elaboración dos instrumentos orzamentarios", engade o fallo.  

Os maxistrados do Supremo coincidiron co criterio da Fiscalía, que durante unha vista celebrada o pasado maio pediu que se confirmasen as condenas impostas a case unha vintena de excargos da Junta de Andalucía, incluídos os dous expresidentes.

O Ministerio Público defendeu que quedara probado que "se quixo modificar o sistema de concesión das axudas para evitar calquera tipo de control", propiciando un sistema "prevaricador" onde "cada un deles colaborou para a consecución do fin conxunto".  

Naquelas vistas, a defensa de Griñán pediu ao tribunal que o absolvese dos delitos de prevaricación e malversación ao considerar que nos feitos probados non constaba "ningunha irregularidade" do entón conselleiro de Facenda nin que tivese coñecemento diso nin tampouco "ánimo de lucro". "Non pode malversar quen non pode decidir sobre o destino dos fondos", dixo o seu avogado.  

A defensa de Chaves solicitou igualmente a súa absolución do delito de prevaricación escudándose en sentenzas anteriores do Supremo para defender que os dous acordos relativos aos anteproxectos dos Orzamentos andaluces, que aprobou cando estaba no Consello de Goberno, non poden considerarse actos administrativos senón actos políticos, polo que, ao seu xuízo, non sería aplicable o delito de prevaricación.

Voto particular:  acusan o tribunal de dar un "salto ao baleiro" para condenar a Griñán

A dúas maxistradas do Tribunal Supremo que manifestaron un voto particular na sentenza cren que a condena a seis anos de cárcere ao expresidente da Junta de Andalucía José Antonio Griñán baséase "nunha mera especulación" sen "proba seria e sólida" e consideran que supón un "sorprendente e significativo salto ao baleiro".

Defenden que o Supremo debería confirmar a condena a Griñán por prevaricación pero non por malversación. As maxistradas cren que os indicios cos que contou o tribunal "non son unívocos e concluíntes, senón que constrúen unha secuencia incriminatoria a través de inferencias demasiado ambiguas e abertas, que xeran marxes de incerteza nos aspectos nucleares sobre os que se constrúe a autoría" destes cinco acusados.

Son, ademais de Griñán, os exconselleiros Carmen Martínez Aguayo e Francisco Vallejo Serrano; o exviceconselleiro Jesús Rodríguez Román e o ex director xeral da Axencia de Innovación e Desenvolvemento de Andalucía (IDEA) Miguel Ángel Serrano Aguilar, cuxo dereito á presunción de inocencia estiman vulnerado.

As maxistradas comparten a condena de prevaricación de Griñán e Martínez Aguayo "precisamente por aprobar e tramitar de forma ilegal os proxectos de orzamento" e poñelos á disposición da Consellería de Emprego para que procedese á súa distribución e adxudicación.

Pero iso non quere dicir, explica o voto particular, que soubesen que nese departamento "estivese a distribuírse e adxudicando o diñeiro" fraudulentamente.

As maxistradas, encadradas no sector progresista do tribunal, cren que no caso destes cinco condenados o tribunal aplicou como argumento para sentencialos por malversación "unha mera especulación sobre algo que puido suceder hipoteticamente pero que carece dunha proba seria e sólida".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade