Publicador de contidos

Publicador de contidos

O sector turístico augura un ano con récord de visitantes en Galicia

O sector turístico augura un ano con récord de visitantes en Galicia

Destacan que os turistas buscan destinos cada vez máis sostibles

Alertan sobre a deficiencia das conexións aeroportuarias

G24.gal 04/06/2022 14:07 Última actualización 04/06/2022 14:24

Desde o sector turístico galego aseguran que este vai ser un ano de récord no número de turistas que visitan Galicia.

Destacan que, tras dous anos de pandemia, os viaxeiros nacionais e internacionais buscan destinos tranquilos e seguros, cada vez máis sostibles, e que Galicia é un exemplo deles.

"Estamos convencidos de que este vai ser un ano récord en visitas de turistas a Galicia. Temos que tratar de darlles o mellor de nós para que o volvan repetir como destino. Desde logo, este vai ser un dos mellores anos turisticamente falando", di Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia.

Así de contundente se amosa o presidente do Clúster de Turismo de Galicia. Asevera que os bos datos de visitantes de abril e maio e as moi boas previsións nas reservas para o verán así o acreditan.

Tamén inflúe que a Comisión de Europa de Recursos Naturais do Comité das Rexións recoñeceu o Camiño de Santiago como exemplo de "modelo de turismo distinto".

"O Camiño de Santiago está marcando unhas pautas moi importantes para o turismo en Galicia. A semana que vén vaise entregar a Compostela número 100.000, que son datos históricos e temos un produto que temos que aproveitar para seguir aumentando eses ratios de turismo internacional cara a Galicia", destaca o presidente do Clúster de Turismo de Galicia.

As boas previsións con vistas ao verán tamén veñen acompañadas de reivindicacións do sector turístico galego que alerta sobre a deficiencia das conexións aeroportuarias

"O turista internacional estanos entrando moitísimo polo aeroporto internacional de Porto. Esa coordinación aeroportuaria da que tanto se falou fracasou aquí nos tres aeroportos galegos, non soubemos reter eses voos internacionais e estannos vindo os turistas a través doutros aeroportos", asegura Cesáreo Pardal.

Destacan ademais que, tras dous anos de pandemia, os viaxeiros buscan destinos tranquilos e seguros, cada vez máis sostibles, con atención ao rural, ao patrimonio cultural e aos modos de vida dos territorios, e Galicia, din desde o sector, é un exemplo deles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade