Publicador de contidos

Publicador de contidos

O sector inmobiliario cre que a suba de tipos frea as vendas de vivenda en Galicia

O sector inmobiliario cre que a suba de tipos frea as vendas de vivenda en Galicia

As inmobiliarias aforman que o endurecemento das condicións dos bancos para conceder hipotecas axustará á baixa os prezos dos inmobles.

Carlos Debasa, presidente de AGALIN: "As dificultades de acceso a financiamento e o elevado prezo do alugueiro imposibilita a independencia de moitos mozos"

G24.gal 02/11/2022 09:50

O mercado da vivenda atópase en plena suba dos tipos. Por outra parte, un informe do Consello da Xuventude de España advirte que o prezo dos alugueiros son prohibitivos para a xente moza que queira independizarse. Asuntos que abordamos este mércores no Galicia por diante con Carlos Debasa, presidente da Asociación Galega de Inmobiliarias, AGALIN.

Suba de tipos

Sobre a suba de tipos de interese, traslada Debasa que comeza a intuírse unha corrección á baixa no número de transaccións, despois de varios trimestres de incremento de vendas. 

"Intúese unha leve freada. Vai ser máis difícil conseguir financiamento, pero non vai supoñer unha parada drástica nas vendas", manifesta.

O presidente de AGALIN sostén que o endurecemento nas condicións que impoñen os bancos para conceder hipotecas, vai provocar un axuste á baixa nos prezos das vivendas que se poñan no mercado. 

"Quen antes acudía a un banco e conseguía financiamento por douscentos mil euros, agora será por cento oitenta ou cento setenta mil euros. Ese financiamento vaise axustar á baixa. Ese efecto dominó vai ser o que provoque tamén esa baixada de prezos no mercado", afirma.

Mercado do alugueiro

Segundo Debasa, as dificultades de acceso a crédito, a suba de tipos de xuros e os elevados prezos das rendas no mercado do alugueiro, están facendo practicamente imposible que moita xente nova se poida independizar.

Por outra parte, Debasa fai referencia ó incremento de prezos experimentado no mercado do alugueiro nos últimos tempos, ó que contribúe a ausencia de oferta, marcada por fenómenos como a vivenda baleira ou a proliferación das VUT (vivendas de uso turístico)

Debasa defende a campaña posta en marcha hai un mes polo IGVS e as inmobiliarias de Galicia para colocar vivenda baleira no mercado do alugueiro a prezos accesibles. 

O presidente das inmobiliarias galegas ve nesta unha iniciativa "correcta", que xunto co seguro bonificado a propietarios ou o regulamento municipal das vivendas turísticas están contribuíndo a incrementar a oferta de inmobles e equilibrar os prezos dos alugueiros de longa duración. 

Para rematar engade que, a pesar do aumento de prezos, nas inmobiliarias polo momento non hai sinais de alarma por impago de rendas.

Respecto ao fenómeno da ocupación, manifesta Debasa que cómpre resolvelo porque é unha realidade, pero insiste en que non determina o feito de que os propietarios deixen de poñer as súas vivendas en réxime de alugueiro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade