Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PSOE recupera o primeiro posto en intención de voto, segundo o CIS

O PSOE recupera o primeiro posto en intención de voto, segundo o CIS

A vantaxe é de tan só sete décimas, polo que na práctica supón un empate técnico entre a formación de Pedro Sánchez e Núñez Feijóo

Sánchez con Feijóo, na estrea do líder do PP no Senado (EFE) Sánchez con Feijóo, na estrea do líder do PP no Senado (EFE)
G24.gal 15/09/2022 12:47 Última actualización 15/09/2022 14:23

O PSOE volvería ser a primeira forza política cun 29,2 por cento dos votos por diante do PP, que quedaría co 28,5 por cento, segundo o barómetro do CIS do mes de setembro que dá a volta á enquisa de xullo que daba gañadores aos populares por case dous puntos de diferenza.

O barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) elaborado entre o 1 e o 10 de setembro, outorga ao PSOE unha vantaxe de apenas sete décimas co PP, o que supón un virtual empate técnico entre o partido de Pedro Sánchez e o de Alberto Núñez Feijóo.

A enquisa mantén en terceiro lugar a Unidas Podemos cun 12,8 por cento de estimación de voto, aínda que cae seis décimas, e confirma o descenso de Vox, que perde case dous puntos ata o 10,3 por cento dos sufraxios. 

Con todo, en intención de voto directa, sen a "cociña" do CIS, o PP sería o partido máis votado, cun 22 por cento, 1,1 puntos máis que o PSOE, que se quedaría no 20,9 por cento.

Feijóo perde o posto de líder mellor valorado, superado por Yolanda Díaz

Núñez Feijóo, que antes do verán figuraba nas enquisas do CIS como o dirixente político mellor valorado, perdeu este posto en favor da vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, que volve ser a mellor considerada no último barómetro deste centro.

Nun contexto en que ningún político chega ao aprobado, Díaz recupera o primeiro lugar da táboa cunha nota media de 4,73 puntos, seguida de Feijóo, que queda con 4,48 sobre 10, e co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, en terceira posición grazas aos 4,37 puntos que lle conceden os enquisados.

Na anterior mostraxe do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) do mes de xullo, o presidente do Partido Popular alcanzou os 4,89 puntos, Yolanda Díaz, que nas enquisas precedentes era a única que superaba o 5, quedou con 4,81, e Sánchez, con 4,33.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade