Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PSdeG pedirá a devolución dos orzamentos: "Non están á altura das necesidades de Galicia"

O PSdeG pedirá a devolución dos orzamentos: "Non están á altura das necesidades de Galicia"

Gonzalo Caballero cre que os presupostos carecen do impulso e a ambición que precisa o país para a recuperación

G24.gal 19/11/2021 13:33

O grupo parlamentario dos socialistas asegura que o proxecto de orzamentos da Xunta para 2022 non está á altura do que necesita Galicia. Gonzalo Caballero, secretario xeral en funcións do PSdeG, avanzou que pedirán a súa devolución.

Caballero dixo que os socialistas consideran que as contas "non están á altura" das necesidades de Galicia.

Nunha conferencia de prensa celebrada este venres, o dirixente socialista avanzou que, no pleno que se celebrará o vindeiro luns na Cámara galega, a súa formación presentará unha emenda á totalidade "con petición de devolución" para que o Goberno entenda que son necesarias unhas contas á altura da reactivación.  

"Atopámonos cun proxecto de orzamentos do PP que carece de impulso, de ambición, das medidas e prioridades que Galicia necesita para a reactivación", afirmou para soster que a Xunta debe "reconsiderar" a súa política orzamentaria.  

Entre outras cuestións, criticou que as contas non inclúan medidas para combater a crise industrial e que "reduzan os fondos da Atención Primaria e saúde pública" nun contexto en que "Feijóo di que ten medo a unha sexta onda da covid".

Caballero avanzou que, nas súas emendas, o PSdeG pedirá máis investimento en Atención Primaria, en persoal hospitalario e na promoción de hábitos de vida saudable. Ademais, reclamará a gratuidade dos libros de texto e das primeiras taxas universitarias, apostar pola dixitalización e a calidade da educación, así como máis fondos para profesorado e comedores.  

Ademais dunha aposta polas políticas activas de emprego e o reforzo das medidas de igualdade e loita contra a violencia de xénero, outro asunto no que o PSdeG incidirá será na necesidade de aplicar "unha fiscalidade progresista".  

Así, asegurou que os socialistas galegos están "perplexos" ante a decisión do Partido Popular de emendar a propio Goberno da Xunta para suprimir a subida do imposto sobre a renda das persoas físicas para aqueles ingresos superiores a 100.000 euros.  

"A emenda do PP en favor dos millonarios demostra que estes son uns orzamentos de dereitas, nos que o PP quere priorizar a súa alianza cos máis ricos no canto de fortalecer a sanidade, a educación e as políticas sociais", apuntou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade