O proxecto PLANCTON da Obra Social de Abanca recolleu 70 toneladas de lixo no mar en catro anos
O proxecto PLANCTON da Obra Social de Abanca recolleu 70 toneladas de lixo no mar en catro anos
O proxecto PLANCTON, impulsado desde 2021 pola Fundación Abanca, continúa limpando os areais e os fondos mariños do litoral galego. Este sábado retirou residuos da ría de Vigo.
O recollido na ría de Vigo súmase aos 68.094 quilos de lixo recollidos en 43 limpezas realizadas tanto nos fondos mariñeiros como nos areais.
Nesta retirada de residuos participaron 14 mergulladores e 47 persoas a pé. Todos son voluntarios dunha acción que tutela PLANCTON, o Plan de Conservación Territorial da Obra Social Abanca. A maioría do recollido son refugallos mariñeiros e plástico.
Coa finalidade de reducir a cantidade de residuos existentes en zonas costeiras e no fondo e superficie do mar, o Proxecto PLANCTON comezou a súa actividade hai catro anos.
"Buscar a sostibilidade das actividades socioeconómicas relacionadas co medio mariño. Isto tradúcese nunha colaboración coas confrarías, entidades deportivas e asociacións que operan no mar para cambiar os seus hábitos, o que sería a mellor opción, a da prevención, e cambio de hábitos e axudar a eliminar o lixo do mar e do medio natural como consecuencia deses malos hábitos", explica a TVG Saleta González, a directora técnica do Proxecto PLANCTON
Nunha nova xornada na ría de Vigo recolleron dúas toneladas de lixo, maiormente aparellos mariñeiros.
"Atopan moito aparello e nasas. A explicación que lle dan á nasa é o furtivismo, en Nadal cando se captura o marisco ilegal, porque aquí os pescadores de baixura non as fondean", conta Manuel Veiga, o vicepresidente do Liceo Marítimo de Bouzas.
"A ría ten un poder de rexeneración impresionante. Abusamos del. Aveces sacamos plástico dos anos oitenta. Moitos pescadores se apuntaron á campaña anterior máis que por concienciación ambiental para liberar os fondos marisqueiros onde eles traballaban", engade Iago Soto, patrón maior da confraría de Vigo.
"Hai moito artefacto mariñeiro que queda roto e queda polo mar abaixo. O malo deses aparellos é que neles segue morrendo o peixe. Ao irse descompoñendo vai traendo outro peixe. E faise unha cadea e mentres o aparello estea no mar segue pescando así que é conveniente recuperalo canto antes", di Enrique Martínez, presidente da Asociación de Mariñeiros artesanais e deportivos de Bouzas.
PLANCTON colaborou nesta ocasión coa Cofraría de pescadores de Vigo, a Asociación de Mariñeiros Tradicionais de Bouzas e co Liceo Marítimo de Bouzas.