Publicador de contidos

Publicador de contidos

O prezo da gasolina sobe por primeira vez desde que comezou o verán

O prezo da gasolina sobe por primeira vez desde que comezou o verán

A gasolina págase a 1,594 euros o litro e o gasóleo a 1,682, unha vez aplicado o desconto do Goberno

G24.gal 01/09/2022 11:08 Última actualización 01/09/2022 14:54

A gasolina subiu por primeira vez en todo o verán ata rexistrar un prezo medio de 1,594 euros o litro (aplicando o desconto de 20 céntimos do Goberno), mentres que o gasóleo encadeou o seu segundo aumento e sitúase en 1,682 euros. 

"Noteino algo porque estaban en dous euros e baixaron un pouco pero antes era moi raro que estivera por riba de un con cincuenta e normalizamos que estiveran por riba dos dous euros", asegura un cliente dunha estación de servizo de Santiago.

Segundo os datos difundidos este xoves polo Boletín Petroleiro da Unión Europea (UE), que recolle o prezo medio rexistrado en máis de 11.400 estacións de servizo españolas entre o 23 e o 29 de agosto, o prezo de ambos os carburantes segue por baixo da barreira dos 2 euros o litro mesmo sen a bonificación pública. 

Con estes valores, o custo da gasolina aumentou un 0,5 % nos últimos sete días, coincidindo coa operación especial de tráfico polo retorno das vacacións estivais, mentres que o gasóleo é un 4 % máis caro que hai unha semana.

A pesar desta suba, a gasolina mantense en niveis similares aos rexistrados na semana do 11 de abril, antes de Semana Santa, mentres que o gasóleo se paga ao mesmo prezo que a mediados de maio.

Ambos os carburantes tamén se sitúan por baixo dos prezos rexistrados durante marzo, cando o Goberno, por mor dos máximos que se superaban semana tras semana, se viu obrigado a establecer a bonificación de 20 céntimos por litro para todos os consumidores, que estará vixente ata finais de ano.

Con todo, a escalada que sofren ambos os carburantes desde que comezou 2022, que se viu agravada tras a invasión rusa de Ucraína, provocou que o prezo da gasolina aumentase preto dun 8 % desde a primeira semana de xaneiro, fronte ao 25 % que se encareceu o gasóleo.

Cos prezos actuais, encher un depósito medio de 55 litros con gasolina custa preto de 88 euros, fronte aos 93 euros que se pagan se se utiliza gasóleo, o cal supón pagar preto de sete euros máis que a principios de 2022 se se emprega gasolina e 19 euros se se elixe gasóleo.

Un incremento que coincide co inicio de setembro, a volta ao traballo e un maior uso do coche no día a día. 

"Moita xente vai ter que parar e vamos ter que quitar da comida para pagar o gasóleo", afirma o condutor dunha furgoneta de reparto.

A pesar dos valores historicamente elevados, o prezo de ambos os carburantes en España, unha vez aplicado o desconto, mantense por baixo da media europea, que, segundo a estatística da UE, se situou esta última semana en 1,782 euros o litro para a gasolina e 1,911 euros para o gasóleo. 

Encher o depósito do coche é hoxe un 27 % máis caro que hai un ano no caso da gasolina e un 50 por cento máis no caso do gasóleo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade