O Parlamento portugués rexeita a baixa laboral por dores menstruais
O Parlamento portugués rexeita a baixa laboral por dores menstruais
Tanto os socialistas coma os conservadores votaron en contra da proposta do partido animalista PAN
As características da baixa eran practicamente iguais ás da aprobada en España
Parte da esquerda portuguesa quixo aproveitar o ronsel da recentemente aprobada baixa por dores menstruais en España para obter o mesmo dereito no país luso. O fracaso foi estrepitoso ao atoparse coa negativa en bloque dos dous grupos maioritarios da Assembleia da República.
A proposta non saíu adiante polos votos en contra dos socialistas de António Costa, con maioría absoluta, o Partido Socialdemócrata, os liberais e a ultradereita de Chega. Si votaron ao seu favor o Bloco de Esquerda e os comunistas.
Esta semana o parlamento portugués tamén votará a rebaixa do IVE nos produtos de hixiene menstrual do 23 % ao 6 %. A curiosidade en Portugal é que algúns destes produtos, como tampóns e compresas, xa teñen esa taxa reducida aplicada ao considerárense material cirúrxico.