O Leyma Coruña gaña en Menorca para meterse na Final a Catro (76-87)
Os coruñeses pecharon a serie co 1 a 3 nun partido en que non lle deron opcións aos illeiros
Buscarán o ascenso na fase final que se ha xogar na Coruña o 6 e o 7 de xuño
Foto: @BasquetMenorca
O Leyma Coruña compriu co prognóstico, e pechou a serie en Menorca cunha vitoria que nunca perigou no cuarto partido da serie.
O equipo coruñés axiña encauzou o encontro e, con el, o pase á Final Four. Logo do 5-5 inicial, acadou un parcial de 0-16 que lle deixou o encontro costa abaixo. Ao final do primeiro cuarto chegouse cun 7-21, cunha tendencia que se mantivo no segundo. O Menorca non era quen de anotar, e os coruñeses facíano sen problemas, co que a vantaxe seguiu medrando (12-40, min 16), aínda que os illeiros conseguiron maquear un chisco o resultado ao descanso (29-49).
Na segunda metade, o Leyma Coruña administrou a súa gran vantaxe, e os minutos ían pasando a prol do equipo galego. O Menorca intentou achegarse no marcador, e gañou os dous últimos parciais. Pero a renda era suficiente e o Leyma Coruña asegurou o triunfo na serie por 3 a 1, co que estará na Final Four que se celebra dentro de dúas semanas na Coruña.